Novas recentes

Para falar, a muiñeira

Pode bailar contribuír a prestixiar unha lingua e a estender o seu uso? Dende a CNL de Ciencias da Educación cren que si e que pasalo ben aprendendo e desfrutando dun baile tran tradicional como a muiñeira pode constituír unha vivencia que cree vínculos  positivos co idioma.

Semanalmente, durante o mes de novembro e parte de decembro, estase  a desenvolver o “Obradoiro de baile tradicional. Uso didáctico da muiñeira na escola”, organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística. Aínda que se dirixe preferentemente ao alumnado das titulacións que imparte o dito centro, estaba aberto ao resto da comunidade universitaria, e o seu obxectivo é explorar as posibilidades didácticas e como ferramenta de normalización do baile tradicional e, máis concretamente, da muiñeira.

Deste xeito, co obradoiro, ademais de adquirir destrezas básicas de baile galego -en concreto a muiñeira- tamén se reflexiona sobre o seu uso como recurso didáctico na escola en relación con áreas como expresión corporal, a educación emocional, a lingua, etc.

O curso combina breves exposicións teóricas e práctica de baile centrados na muiñeira (danzas de fitas, de paus, muiñeira corrida, muiñeira vella) e na xota (xota e maneo), nos ritmos de muiñeira noutras danzas do mundo e nos exercicios preparatorios para bailar muiñeira.

A encargada de impartir o obradoiro é Marta Otero García, quen ten reflexionado ben sobre esta cuestión, pois ademais de ser mestra especialista en educación musical, é membro da asociación de música e baile tradicional Galego “Brincadeira” e mestra de baile tradicional en actividades extraescolares para alumnado de infantil e primaria.

Aquí podes ver unha reportaxe televisiva sobre o Obradoiro.

Luns, 31 de outubro de 2016