Novas recentes

De quen é o patrimonio?

O divulgador Manuel Galgo e o profesor Rodríguez Colmenero veranse no ring dialéctico dos “Encontros de Lúa Chea” que organiza Proxéctate en Galego. O encontro deste mes de setembro desenvolverase na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Lugo o xoves 29 de setembro ás 20 horas  sobre o tema “De quen é o patrimonio?”.

O coidado e posta en valor do patrimonio, debe ser couto de especialistas e da administración ou débese aproveitar como ferramenta de dinamización social? Este será o tema sobre que o xire o Encontro de Lúa Chea do mes de setembro, titulado “De quen é o patrimonio?” Introducirán o tema e expoñerán os seus puntos de vista –non necesariamente opostos- contarase coa presenza do  profesor da Fac. de Humanidades da USC Antonio Rodríguez Colmenero e de  Manuel Gago xornalista especializado en comunicación cultural e coordinador de diversos proxectos arqueolóxicos (Muro de Medeiros, Torre dos Mouros, Castro de Mallou...).

Os “Encontros de Lúa Chea”, que organiza Proxéctate en Galego, desenvolverase na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Lugo o xoves 29 de setembro ás 20 horas.

Os "Encontros de Lúa Chea" son encontros informais organizados para divulgar contidos académicos transversais de interese xeral ou de actualidade universitaria. Desde Proxéctate en Galego reivindican o encontro propiamente físico (neste tempo de comunicación virtual e redes sociais) como ferramenta básica para a comunicación e o debate, e facelo experimentando cun formato diferente, que evita o modelo das conferencias ou das mesas redondas. Esa diferenza arrinca no propio escenario (unha cafetaría), continúa polo ton (divulgativo, dirixido non a especialistas, senón a calquera persoa interesada) polo formato (intervencións curtas dun ou de dous relatores que sitúan un tema do que despois se debate libremente entre os participantes).

Comezaron a celebrarse en 2015, e teñen unha periodicidade mensual ao longo do curso académico, nos seráns dos mércores ou xoves máis achegados á noite de lúa chea.

 

Mércores, 21 de setembro de 2016