Novas recentes
As linguas dos TFG e TFM de 2020
Martes, 04 de maio de 2021
Tese en galego? Por que non?
Martes, 27 de abril de 2021
XVII Premios á calidade lingüística
Martes, 27 de abril de 2021
Terminoloxía con formatos visuais
Martes, 27 de abril de 2021
Pasen e concursen (en Filoloxía, Xeografía e Historia, e Química)
Martes, 27 de abril de 2021
As linguas da docencia da USC
Luns, 22 de febreiro de 2021
Novo Plan de Accións de Normalización Lingüística 2020-2022
Luns, 22 de febreiro de 2021
As vacinas, en 125 termos esenciais
Luns, 22 de febreiro de 2021
A quen recoñecerá o IV Premio “Luis Porteiro Garea “?
Venres, 19 de febreiro de 2021
Grande interese polo Curso de Habilidades Comunicativas
Venres, 19 de febreiro de 2021
Os idiomas nos TFG e nos TFM
O 76,57% das horas de clase dos graos e o 62,41% das dos mestrados son impartidas polo profesorado en castelán, polo que é a lingua máis utilizada na docencia da USC. E o alumnado? Adáptase aos usos lingüísticos dos docentes? En que idiomas realizan os estudantes os seus traballos?
Traballos de fin de grao
O pasado 2015 defendéronse 2693 traballos de fin de grao na USC en 50 titulacións. A lingua máis utilizada foi o castelán (1.828), a seguir o galego (736), e tamén se utilizaron en menor medida o inglés (75), o catalán (28) -no que semella un erro por proximidade á hora de escoller o idioma no despregable-, o alemán (12), o francés (10), o italiano e o portugués (2 traballos cada un). Xa que logo, os usos lingüísticos dos TFG, que se poden coñecer máis polo miúdo, representativos do alumnado nas súas tarefas académicas, son análogos aos usos dos docentes.
En todas as titulacións en que se leron TFG houbo algún redactado en galego, agás en Enxeñaría Civil, Lingua e Literatura Españolas e Odontoloxía. No Grao en Lingua e Literatura inglesas só se utilizou o inglés, e no Grao en Linguas e Literaturas Modernas, ademais do galego, utilizaron alemán, francés, italiano e portugués.
En oito graos houbo un maior número de traballos en galego ca en castelán (Educación Social, Historia, Educación Infantil de Lugo e Santiago, Educación Primaria de Lugo e Santiago, Pedagoxía e Xornalismo) e en dous ambos os idiomas empataron (Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural).
Os usos das linguas na lectura e defensa dos TFG sofren pequenas variacións á respecto dos de redacción: 78 traballos escritos en castelán, catalán e inglés foron posteriormente defendidos oralmente en galego.
Aínda que só temos a perspectiva de cinco anos en canto aos usos lingüísticos nestes traballos, semella que a presenza do galego nos TFG reflicte os usos de idiomas do seu profesorado, unha vez que as porcentaxes son similares (sempre máis favorables para o galego no caso dos traballos do alumnado) e vistas os paralelismos entre as titulacións que máis docencia imparten en galego e os seus TFG (e viceversa).
Traballos de fin de mestrado
En 2015 defendéronse 1.198 traballos de fin de mestrado. O panorama volve estar dominado amplamente polo castelán, lingua utilizada en 867 TFM; en galego están redactados 276 e, ademais utilízase outras linguas, como o inglés (en 41), o catalán (7) e, en menor número, portugués, italiano ou grego. Tamén neste caso existen diferenzas nos datos analizados entre a lingua en que se redactan os TFM e a lingua en que se len. A lingua que resulta máis favorecida na defensa é o galego, que pase dos 276 aos 300, e a máis prexudicada, o inglés, que descende dos 41 traballos escritos a 19 defendidos oralmente.
O pasado curso impartíronse 71 titulacións de mestrado; en 18 delas non se elaborou ningún TFM en galego, especialmente naquelas de ciencias e ciencias da saúde. E en 13 o número de traballos en galego superou ao de castelán, e corresponden principalmente a titulacións das áreas de humanidades e ciencias sociais.
Sorprende que entre só 41 dos 1.198 TFM presentados (o 4%) foran redactados en inglés. Case un terzo corresponden a mestrados relacionados cos estudos ingleses e os restantes son TFM presentados en 15 titulacións de máster diferentes, entre os que destaca unicamente Física polo seu número (6).
Fomento da elaboración de TFG e TFM en galego
Cómpre lembrar que a USC fomenta o uso do galego en ambos os tipos de traballos, TFG/PFG e TFM mediante os Premios á calidade lingüística, por unha banda, e, por outra, fornecendo formación específica nos obradoiros de elaboración de TFG, PFC e TFM e unha ferramenta como son os modelos de traballos de fin de grao no noso idioma, que facilitan a súa redacción e que se ofrecen en formato Word e en formato LibreOffice.
Mércores, 27 de abril de 2016