Novas recentes

Entrega dos premios á calidade do curso 2014-2015

O pasado 22 de febreiro fíxose entrega destes XI Premios á Calidade Lingüística nunha cerimonia que presidiu o reitor Juan Viaño na Facultade de Xeografía e Historia. Estivo acompañado da vicerreitora de Política Lingüística, Carme Silva Domínguez; do decano da facultade anfitrioa, Juan Monterroso; e do director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala, así como do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, organismo que financia os premios.

Ao concurso do pasado curso presentáronse tres traballos académicos, a primeira das modalidades avaliadas, 66 TFG/PFC e 41 TFM. E podemos dicir que as habilidades comunicativas e a competencia lingüística en galego do estudantado da USC semelláronlle ao xurado dos premios moi satisfactorias, polo que nalgúns casos resultou certamente complicado escoller o traballo ou traballos gañadores.

O xurado reuniuse o 30 de novembro de 2015 para a avaliación final dos traballos de fin de grao, proxectos de fin de carreira e traballos de fin de mestrado. Na modalidade de TFG/TFM, cuxos premios, un por grande área de coñecemento, están dotados con 300 euros e diploma acreditativo, resultaron gañadores/as:

  • Área de Enxeñaría: Análise dos investimentos realizados por explotacións de leite acollidas a plans de mellora, de Pilar Rodríguez López (Grao en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural)
  • Área de CC. Sociais e Xurídicas: O ensino durante a Segunda República no Concello de Teo,  de Eva Otero Rey (Grao en Mestre de Educación Primaria) e As escolas ao aire libre: unha alternativa pedagóxico-ambiental para a educación de infancia. Estado da cuestión e viabilidade en Galicia, de Sergio Carbón Ares (Grao en Mestre de Educación Primaria)
  • Ciencias: Aproximación dos autovalores e autovectores dunha matriz tridiagonal simétrica mediante un algoritmo Divide e Vencerás, de David Ferreiro Gañete (Grao en Matemáticas)
  • Ciencias da Saúde: Deterioración do poceso de busca visual en anciónas con e sen demencia senil tipo Alzhéimer, de Cora Gutiérrez Castro (Grao en Psicoloxía)
  • Arte e Humanidades (ex aequo): A figura de Diotima no Simposio de Platón, de Lúa García Sánchez (Grao en Filoloxía Clásica) e Os xéneros dialogados na lírica románica medieval, de Tania Vázquez García (Linguas e Literaturas Modernas, itinerario en Filoloxía Románica)

A modalidade de TFM está tamén dotada con cinco premios, un por cada área de coñecemento, de 500 euros e diploma acreditativo, que foron para:

  • Área de Enxeñaría: Saliencia e crowdsourcing: gatches útiles para avaliar o deseño de páxinas web, de Fabio Dacosta Gutiérrez (Mestrado en Tecnoloxías da Información)
  • Área de CC. Sociais e Xurídicas: As series de televisión fronte aos social media. Un estudo do uso e da influencia da xestión das redes sociais por parte das series de ficción españolas, de Sabela Direito Rebollal (Mestrado en Comunicación e Industrias Creativas)
  • Área de Ciencias (ex aequo): Optimización dun modelo para a determinación do número de agregación micelar a partir de medidas de tensión superficial, de Pablo Fernández Garrido (Mestrado en Física) e Produción de xeles de ulvano e avaliación da súa actividade como adxuvante no rodaballo Scophthalmus maximus, de  Francisco Fontenla Iglesias (Mestrado en Acuicultura)
  • Área de Ciencias da Saúde: Plan de Prevención de riscos laborais dunha explotación avícola, de Lucía Denniss Fernández Rodríguez (Mestrado en Prevención de riscos laborais e saúde medioambiental)
  • Área de Arte e Humanidades (ex aequo): Os dicionarios toponímicos: caracterización, análise crítica e proposta, de Sandra Beis Silva (Mestrado en Lingüística Aplicada) e Conceptualización da loucura na linguaxe figurada medieval galega, de Verónica Pousada Pardo (Mestrado en Estudos da Literatura e da Cultura)

Os premios á calidade na modalidade de traballos académicos xa foran ditaminados o 29 de setembro de 2015. Cunha dotación de 150 euros e diploma acreditativo, resultaron premiados os traballos Aproveitamento de materias primas, petróleo e biomasa, de Alberto Liñares Lamas, estudante de 3º de Enxeñaría Química (Área de Enxeñaría) e, ex-aequo, A cortesía nas peticións. O proceso de adquisición nos nenos, de Adela Estévez Lago, María González Piferrer, Estefanía López Diéguez e Tamara Rial Montes, estudantes de 4º curso do minor en Lingua Galega, e Historial sociolingüístico, de Tamara Rial Montes, estudante de 4º curso do Grao en Linguas Modernas.

premiados

 

Martes, 08 de marzo de 2016