Novas recentes

En que linguas ensina a USC?

A primavera pasada desenvolveuse unha campaña, Ensinas máis do que cres, que afondaba na idea de que o profesorado non ensina só contidos, senón tamén actitudes e preconceptos, aínda que sexa inconscientemente. Por iso o animaba a reflexionar sobre se o conxunto da docencia que fornece cada departamento era, cando menos equilibrado, dende o punto de vista lingüístico.

Dende logo, na visión global da docencia da USC non se percibe ese equilibrio. Só unha de cada cinco horas de clase se imparte en galego. Tampouco outras linguas, nin sequera o inglés, conseguen unha presenza significativa nas 450.798 horas docentes deste curso 2015-2016 na USC, pois representan só o 3,7%.

As titulacións de mestrado (40.575 horas docentes) son as máis achegadas a un modelo bilingüe castelán-galego (62,4% e 35,2%, respectivamente), mentres que as titulacións de grao, as de maior peso docente (404.343 horas) reducen o uso do galego ata o 19,53%, ben lonxe do 76,57% do castelán.

usos xtitulacions


Os idiomas nos graos

Debullando os datos lingüísticos dos graos, vese que soamente dous carecen por completo de docencia en galego: Lingua e Literatura Inglesa (100% en inglés) e o grao en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural, que en realidade está a extinguir, polo que só se imparten unhas poucas horas.

Nove dos graos non chegan nin ao 10%, maioritariamente de Ciencias da Saúde: Enfermaría (de Lugo e Santiago), Medicina, Odontoloxía, Farmacia, Nutrición e Enxeñaría das Industrias Alimentarias. Cómpre salientar que a área de Ciencias da Saúde (que inclúe tamén Psicoloxía, Óptica e Veterinaria) ten un peso cuantitativo moi grande no POD (45% de horas de docencia), en especial, a docencia clínica, que constitúe o 30% do POD de toda a universidade, na cal o uso do galego é do 2,77% (e iso grazas a Veterinaria). Ao descontarmos as horas clínicas do POD neste curso, a presenza do galego na USC sobe 7 puntos porcentuais: desde o 21 que é a media deste curso ata o 28,25%.

Catorce graos de todas as áreas de coñecemento andan entre o 10 e o 25%, como Bioloxía, Veterinaria, Dereito, Enxeñaría Civil ou Historia da Arte. Quince, como Traballo Social, Enxeñaría Química, Matemáticas, Psicoloxía ou Xeografía, entre o 25 e o 50%.

Só dez dos 50 graos responderían ao modelo bilingüe con predominio do galego que é obxectivo da USC, superando o 50% de docencia en galego. É o reino das ciencias sociais e as humanidades: Comunicación Audiovisual, Mestres/as de Primaria e Infantil, Filosofía, Educación Social, Pedagoxía, Xornalismo (85,31%) e Lingua e Literatura Galegas (100%). O piar fundamental do galego son as materias obrigatorias, máis que as básicas ou as optativas.

As titulacións de Filoloxía, de Mestra/e, Dereito e Ciencias da Cultura son as únicas en que se utilizan outros idiomas (portugués, francés, italiano, alemán, catalán) ademais dos oficiais e do inglés, idioma no que se imparte algúnha docencia en dezaseis graos; normalmente, en materias denominadas “idioma técnico”, agás Química -que o usa en grupos soltos de varias materias- e Enxeñaría Química (8,16%), a única titulación de grao da USC que ofrece a posibilidade de cursar materias básicas e obrigatorias en inglés, ao desdobrar grupos neste idioma e en galego e/ou castelán, ademais de contar cunha materia obrigatoria de Inglés Técnico.

Os idiomas  nos mestrados

As titulacións de mestrado (40.575 horas docentes) son as máis achegadas ao equilibrio castelán-galego (62,4% e 35,2%, respectivamente). Con todo, para interpretar o favorable dato para o galego nos mestrados cómpre ter en conta o importante peso en horas docentes dos de Formación do Profesorado de ESO, bacharelato, FP e linguas estranxeiras (máis de 6000 horas) no conxunto dos 50 cursos de mestrado analizados, cando o seu uso do galego alcanza o 62% e 63% (Santiago e Lugo).

Ao debullarmos os datos lingüísticos dos másteres da USC comprobamos que once carecen de aulas en galego e calquera outro idioma que non sexa o español, agás o de Estudos Ingleses Avanzados e as súas Aplicacións, que se imparte ao 100% en inglés.

No outro extremo, os 36 másteres superan o 25% da docencia en galego (dezaseis dos cales usan o galego en máis do 50%), á cabeza dos cales se sitúa o Máster Universitario en Educación, Xénero e Igualdade.

Sorprende que dous mestrados, os de Investigación Biomédica e o de Saúde Pública, dependentes da Facultade de Medicina, un uso do galego tan escaso nos seus graos, cheguen ao 11,75% e 37,34% respectivamente.

Non acaba de arrincar nos mestrados o uso doutras linguas. O inglés utilízase no 1,90% da docencia, en só cinco dos 70 máster que se imparten este curso: Estudos Ingleses, Enxeñaría Química e Bioprocesos, Enxeñaría Ambiental e os dous máster de profesorado de Santiago e Lugo. Outros idiomas só se utilizan nos mestrados de Estudos da Literatura e da Cultura e no de Estudos Medievais Europeos.

Os idiomas nas titulacións de 1º e 2º ciclo

As licenciaturas e diplomaturas están a extinguirse logo do proceso de implantación dos graos, polo que soamente se dispensan 5.880 horas de docencia en cinco titulacións. Daquela, os datos xa non son moi representativos. Galego (22,98%) e outros idiomas (0,0%) resultan anecdóticos fronte ao uso do castelán (77,02% das horas).

(Pódese consultar todos os datos no web do SNL)

Mércores, 27 de xaneiro de 2016