Novas recentes

Convocadas as axudas á realización de teses en galego

Dende 1994 a USC ofrece un programa de axudas ao uso do galego en teses de doutoramento. Este incentivo axiña se converteu nun referente en moitas outras universidades, tanto galegas coma dos países cataláns. Dende aquela, máis de 1200 estudantes e investigadores solicitaron estas axudas na USC, contribuíndo deste xeito a estender o galego na investigación.

As axudas ás teses de doutoramento en galego outórganselles a aquelas persoas que elaboren e defendan estes traballos en lingua galega e así a soliciten a través do Rexistro Xeral da USC. DE novo, este ano o prazo remata o 31 de outubro; as persoas doutorandas que lean a súa tese con posterioridade terán que acollerse á seguinte convocatoria, a de 2016.

Trátase dunha subvención directa dun máximo de 400 € para os gastos de fotocopiado e encadernación do traballo. No pasado ano 2014 a USC concedeu as axudas para tres teses. A subvención complétase con servizos de consulta e asesoría lingüística e terminolóxica, así como de asesoramento para a elaboración e uso de presentacións dixitais que se adoitan utilizar na defensa das teses, por parte do Servizo de Normalización Lingüística. Complementariamente o SNL fornece:

Dende 1994 este programa de axudas ampliouse paseniñamente a outros traballos (memorias de licenciatura e traballos de investigación tutelados, e posteriormente traballos de fin de máster), mais volveuse restrinxir ás teses de doutoramento, por mor dos recortes nos orzamentos de normalización lingüística. As persoas que elaboren os seus traballos de fin de mestrado (TFM) en galego poden, porén, optar aos Premios á calidade lingüística (concurso), dotados con 500 euros.

 

Venres, 27 de febreiro de 2015