Novas recentes
As linguas dos TFG e TFM de 2020
Martes, 04 de maio de 2021
Tese en galego? Por que non?
Martes, 27 de abril de 2021
XVII Premios á calidade lingüística
Martes, 27 de abril de 2021
Terminoloxía con formatos visuais
Martes, 27 de abril de 2021
Pasen e concursen (en Filoloxía, Xeografía e Historia, e Química)
Martes, 27 de abril de 2021
As linguas da docencia da USC
Luns, 22 de febreiro de 2021
Novo Plan de Accións de Normalización Lingüística 2020-2022
Luns, 22 de febreiro de 2021
As vacinas, en 125 termos esenciais
Luns, 22 de febreiro de 2021
A quen recoñecerá o IV Premio “Luis Porteiro Garea “?
Venres, 19 de febreiro de 2021
Grande interese polo Curso de Habilidades Comunicativas
Venres, 19 de febreiro de 2021
XI Premios á calidade lingüística para traballos académicos, TFG/PFC e TFM
As persoas egresadas da universidade non só deben contar cun nivel axeitado de coñecementos significativos. Tamén é desexable que teñan desenvolvidas outras destrezas, habilidades e valores: autonomía, pensamento crítico, dominio das novas tecnoloxías... A presentación axeitada dun traballo dende o punto de vista formal –o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño, a coherencia, etc.-, é unha habilidade comunicativa que calquera universitario/a debería posuír.
A USC, a partir dunha iniciativa das comisións de normalización lingüística dos centros, pretende contribuír a este obxectivo coa undécima edición dos Premios á calidade lingüística, fomentando unha cultura de calidade entre o alumnado ligada ao uso do galego.
Premios
Os XI Premios á calidade lingüística outorgarán un único galardón por modalidade por cada unha das cinco áreas de coñecemento (Ciencias da Saúde, Ciencias, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura, Humanidades). A este respecto, seguirase a clasificación das titulacións por ramas de coñecemento que establece a propia USC.
Deste xeito, os traballos académicos optarán a un dos cinco premios de 150 euros e diploma segundo a clasificación da titulación. O mesmo ocorre cos traballos de fin de grao (TFG) e proxectos de fin de carreira (PFC), aínda que neste caso os galardóns son de 300 euros, e igualmente coa terceira das modalidades, a dos traballos de fin de mestrado (TFM), que poden recibir ata 500 euros. En total, repartirase un monto de 4750 euros en premios.
Como presentarse
A iniciativa esténdese a todos os centros e titulacións da USC. Daquela, todos os estudantes de grao, enxeñaría ou mestrado da USC que fagan os seus traballos en galego e obteñan cando menos a cualificación de aprobado poderán optar a estes premios.
O mellor dos Premios á calidade lingüística é que non cómpre facer nada ad hoc, agás presentarse. Só elaborar o traballo que corresponda, en galego, aprobalo (ata aquí, nada extra) e presentalo nos rexistros da USC, dirixido ao Servizo de Normalización Lingüística no prazo (xullo e setembro respectivamente) que se indica nas bases correspondentes a cada modalidade.
No web dos Premios non só se fornece toda a información e documentos. Tamén achega recursos para axudar a mellorar o aspecto formal (deseño, lingua) dos traballos: modelos de TFG e TFM, criterios de estilo, correctores e tradutores, dicionarios e repertorios terminolóxicos...
Premios do curso 2013-2014
Ao concurso do pasado curso presentáronse cinco traballos académicos, a primeira das modalidades avaliadas, 73 TFG/PFC e 42 TFM. E podemos dicir que as habilidades comunicativas e a competencia lingüística en galego do estudantado da USC semelláronlle ao xurado dos premios moi satisfactorias, polo que nalgúns casos resultou certamente complicado escoller o traballo ou traballos gañadores.
O xurado reuniuse o 26 de novembro de 2014 para a avaliación final dos traballos de fin de grao, proxectos de fin de carreira e traballos de fin de mestrado. Na modalidade de TFG/TFM, cuxos premios, un por grande área de coñecemento, están dotados con 300 euros e diploma acreditativo, resultaron gañadores/as:
- Área de Enxeñaría: Planta de produción de caprolactama, de María González Iglesias, Carlos Maquieira González e Patricia Seoane da Silva (Grao en Enxeñaría Química)
- Área de CC. Sociais e Xurídicas: Comunidades de Aprendizaxe no CPI Castroverde. Os grupos interactivos de inglés en quinto de primaria, de Cristina Gómez Rivas (Grao en Mestre de Educación Infantil)
- Área de Ciencias (ex aequo): Busca da desintegración, de Sofía Otero Ugo (Grao en Física) e Desenvolvemento de potenciais materiais magnéticos derivados de imidazolinas, de Julio Corredoira Vázquez (Grao en Química)
- Área de Ciencias da Saúde: Elaboración de menús equilibrados, segundo recomendacións da dieta atlántica, para a tempada outono-inverno, de Paula Roca Saavedra (Grao en Nutrición Humana e Dietética)
- Área de Arte e Humanidades (ex aequo): Uso público da historia. A política exterior dos EEUU na posguerra fría (1991-2001), de David Vale Díaz (Grao en Historia) e A música na obra de Lois Pereiro, de Xoán Carlos García Souto (Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural)
A modalidade de TFM está tamén dotada con cinco premios, un por cada área de coñecemento, de 500 euros e diploma acreditativo, que serán para:
- Área de Enxeñaría: Organización e xestión de proxectos de investigación en hidrodinámica de rías, de Miguel Álvarez Díaz (Mestrado en Dirección de Proxectos)
- Área de CC. Sociais e Xurídicas (ex aequo): A introdución da literatura dixital nas aulas de ESO e Bacharelato, de Andrea Martíns Fernández (Mestrado en Formación de profesorado de Educación Secundaria) e A escola e a produción da subxectividade, de Jacobo López Castro (Mestrado en Formación de profesorado de Educación Secundaria)
- Área de Ciencias (ex aequo): Reconstrución de trazas de electróns no experimento NEXT, de Gonzalo Martínez Lema (Mestrado en Física Nuclear e de Partículas e as súas Aplicacións Tecnolóxicas e Médicas) e Cálculo fraccionario e funcións periódicas, de Jorge Losada Rodríguez (Mestrado en Matemáticas)
- Área de Ciencias da Saúde (ex aequo): Clasificación morfolóxica da crista ósea alveolar postdistracción: estudo descritivo, de alba Vázquez Casal (Mestrado en Ciencias Odontolóxicas) e Reanimación cardiopulmonar de calidade en lancha de rescate. É posible? Estudo piloto, de Mª Ángeles Arca Bustelo (Mestrado en Atención Sanitaria, Xestión e Coidados)
- Área de Arte e Humanidades: Representacións populares e ilustradas da tecnoloxía agraria da segunda onda da industrialización (1890-1940), de Bruno Esperante Paramos (Mestrado en Historia Contemporánea)
Os premios á calidade na modalidade de traballos académicos xa foran ditaminados o 20 de setembro de 2014. Cunha dotación de 150 euros e diploma acreditativo, resultaron premiados os traballos Os concursos morfolóxicos de vacas e o estres de Roi e Águeda Capón Fernández, de 3º curso de Veterinaria, na Área de Ciencias da Saúde; Motores de combustión interna: ciclos, dos estudantes de 2º de Enxeñaría Química Alberto Liñarez Lamas e Óscar López Gestoso, na Área de Enxeñaría; Reacción social e política ante o desastre medioambiental do Prestige do alumno de 4º grao de Historia David Vale Díaz, na área de Humanidades; e, de xeito ex-aequo na área de Ciencias Sociais e Xurídicas, A necesidade de lexislación e códigos para actividade e uso de redes sociais: dereitos e responsabilidades dos usuarios e provededores de rrss de Lara Lozano Aguiar (4º grao de Xornalismo) e Como evoluciona a presenza do cine europeo en Turquía nos últimos anos? de Noelia María Muíño González (4º do grao en Comunicación Audiovisual). A área de Ciencias quedou deserta.
Os galardóns de todas as modalidades seranlles entregados de xeito oficial nun acto conxunto que se celebrará o vindeiro 10 de marzo.
Sábado, 28 de febreiro de 2015