Novas recentes

Dous anos de bUSCatermos

Xa van alá dous anos desde que bUSCatermos abría as súas portas urbi et orbe e se convertía nunha ferramenta de acceso libre, tanto desde un computador como desde dispositivos Android ou iOS. Como parece que os aniversarios son os momentos de facer balance, imos botar unha mirada aos datos deste último ano para ver se podemos -ou non- sentirnos satisfeitos.

En canto ao seu volume, neste ano bUSCatermos medrou coa incorporación íntegra de catro novos repertorios (os Termos esenciais de dereito administrativo, o Vocabulario panlatino das redes sociais, o Léxico panlatino da enerxía eólica e o Dicionario de alimentación e restauración). Grazas a iso, hoxe conta con máis de 161.000 rexistros e unhas 480.000 denominacións. 

Pero o importante non é a información que acumula, como se fose unha arca vella, senón o que os seus usuarios e usuarias fan con ela. Presentamos a continuación unha serie de datos estatísticos que nos amosan un panorama do uso de bUSCatermos neste ano, comparándoos cos rexistrados no período 2012-13.

O titular que resumiría todos eses datos é que bUSCatermos é usado por menos usuarios pero que recorren a el con maior frecuencia, facendo que se incrementen levemente as páxinas vistas. Vexámolo desagregadamente: 

  • Neste ano, a base de datos recibiu a 6.398 visitantes únicos (case un terzo menos ca os 9.000 do primeiro ano). Ese descenso era lóxico, porque nos primeiros meses de uso bUSCatermos recibiu moitos visitantes ocasionais, que accedían só unha vez para comprobar se a ferramenta se axustaba ás súas necesidades ou non. Polo mesmo motivo, descendeu tamén o número de novos visitantes ata o 25%.
  • Con tantos visitantes menos, era lóxico que se reducisen tamén as visitas: realizáronse 22.925, que supoñen só un 5% menos ca no ano anterior.

Usuarios e Visitas (ano1 vs ano2)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

  • Se menos visitantes realizaron case as mesmas sesións de consulta, é evidente que fixeron un uso máis intensivo de bUSCatermos, tanto en tempo (10'14'' por sesión por 7'36'' do primeiro ano), como en número de páxinas consultadas por visita (4,46 fronte a 4,18).
  • Esa maior utilización tradúcese nun número de páxinas vistas levemente superior ao do ano anterior: 102.336 (por 101.769).

PaxVistas_1vs2

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O feito de superar -aínda que sexa por pouco- o nivel de uso do primeiro ano parécenos un dato moi positivo, sobre todo se temos en conta as cifras do semestre inaugural. Pero non é menos certo que tampouco se percibe un incremento continuado, e que a redución do número de visitantes non é unha boa noticia.

Haberá que traballar máis, polo que parece, en dar a coñecer bUSCatermos, intentando achegarnos a colectivos de usuarios (profesorado de ensino secundario, profesionais dos medios de comunicación...) para os que segue sendo un recurso bastante descoñecido.

     

Xusto A. Rodríguez Río

Xoves, 30 de outubro de 2014