Novas recentes

VII Xornada de recursos educativos en galego: a educación social

A Comisión de Normalización Lingüística de Ciencias da Educación organiza para o día 2 de outubro na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur) as “VII Xornadas de recursos educativos en galego”, cuxo obxectivo principal é crear un espazo para o coñecemento, debate e reflexión ao redor dos recursos educativos en lingua galega. Esta sexta edición centrarase no eido da educación social. Coma sempre, as xornadas buscarán:

  • Coñecer os recursos educativos existentes en lingua galega para a educación social.
  • Definir estratexias e criterios para buscalos e seleccionalos.
  • Concienciar o alumnado da Facultade da importancia que teñen os recursos educativos na práctica profesional
  • Promover a creación de recursos educativos e materiais didácticos propios adaptados ás necesidades contextuais e lingüísticas de Galicia.
  • Impulsar a difusión de experiencias socioeducativas centradas na utilización e elaboración de recursos didácticos en lingua galega.

Ademais, coa xornadas contribuirase á celebración do Día Mundial da Educación Social dando a coñecer experiencias propias da educación social.

O programa conta cunha serie de mesas de experiencias e obradoiros centrados no obxecto das xornadas, e que tocarán a súa relación coa educación sexual, a cultura e as tradicións, a ecoloxía e a atención aos maiores, aos nenos e aos adolescentes.

O destinatario principal destas xornadas son o alumnado, o PDI e PAS das universidades galegas interesado en coñecer estratexias que axuden a mellorar o uso e coñecemento dos recursos didácticos en galego na educación, así como profesionais da educación social interesados/as.

Os participantes matriculados terán dereito a un diploma de asistencia por 7 horas. A inscrición faise en liña, ata o día 29 de setembro, e custa 10 euros.

Xoves, 18 de setembro de 2014