Novas recentes

Would you like to learn Galician?

Os estudantes de fóra que veñen aquí a estudar decátanse de que se fala galego dentro e fóra da Universidade: entre os novos amigos e compañeiros, nas tendas, nos bares, na tele... ou nas aulas. É moi conveniente afacerse a el, comprendelo (o que resulta doado sabendo algunha outra lingua románica) e mesmo chapurrealo un pouco. Na USC contan cos Cursos de lingua galega para non galegofalantes do Centro de Linguas Modernas ou poden matricularse nas materias Lingua, literatura e cultura galegas I e II.

Cursos do CLM

Os cursos de galego para non galegofalantes organízaos o Centro de Linguas Modernas da USC. Trátase de cursos de 40 horas lectivas, semestrais, e con eles adquírese un nivel de usuario básico, o A1 do Marco Europeo de Referencia para as Linguas. O prazo de matrícula está aberto para a convocatoria deste primeiro semestre en Santiago e Lugo, e o prezo é de 30 euros para calquera membro da USC e de 75 para persoas sen vinculación coa USC, un prezo máis reducido que o dos restantes cursos do CLM grazas ao apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Os Cursos de lingua galega para non galegofalantes puxéronse en marcha en 1996 e por eles levan pasado estudantes procedentes doutras comunidades autónomas (sobre todo, cataláns e vascos), así como de moitas outras partes do mundo, como Italia, Alemaña, Estados Unidos, Rusia, Polonia, Austria ou Francia, con grande éxito.

Lingua, literatura e cultura galegas en Filoloxía

Por outra banda, o Grao de Filoloxía Galega inclúe dúas materias de carácter optativo que se lles ofrece cursar a todos os estudantes de intercambio da Universidade de calquera centro e titulación: “Lingua, literatura e cultura galegas”. Como materias académicas están recoñecidas con 6 ECTS. A matrícula segue as normas xerais, xa que se trata de materias incluídas no plan de estudos; as persoas interesadas que teñan dúbidas ou algún problema poden consultar cos responsables académicos ou de intercambio dos seus centros.

“Lingua, literatura e cultura galegas” é unha materia optativa concibida especificamente para fornecer unha visión panorámica moi elemental da lingua, da literatura e da cultura de Galicia aos estudantes de intercambio. Pode cursarse tanto no primeiro coma no segundo semestre e non se require ter coñecementos previos de lingua ou de literatura galegas. No segundo semestre ofrécese a materia Lingua, literatura e cultura galegas 2, tamén de carácter optativo, que se concibe como unha continuación da anterior.

Co que aprenden nestas materias, os estudantes poderán afrontar as necesidades concretas da vida ordinaria, de acordo co establecido no nivel A1 do Marco común europeo de referencia para as linguas.

Acreditación do coñecemento de galego como lingua estranxeira para os graos

Para podérense graduar na USC, os estudantes teñen necesariamente que acreditar un nivel B1 de coñecemento dunha lingua estranxeira, e no caso dos estudantes estranxeiros, dunha lingua distinta da súa materna, polo que poden botar man do seu coñecemento do castelán,do catalán, do éuscaro e, por suposto, do galego.

No caso do galego, poderase facer mediante documentos acreditativos de superación do B1 – C2 expedidos polas universidades públicas españolas e universidades do EEES, segundo as seguintes equivalencias cos Celga:

  • B1 >Celga 2,
  • B2 > Celga 3,
  • C1> Celga 4,
  • C2> Celga 5 (Certificado de Lingua Galega)

Xoves, 18 de setembro de 2014