Novas recentes

Últimos días para presentar TFG, PFC e TFM aos Premios á calidade lingüística da USC

Defendiches o teu TFG, PFC ou TFM no ano 2014 na USC? Aprobaches? Fixéchelo en galego? Se respondiches “si” ás tres cuestións, estás en condicións de participares nos X Premios á calidade lingüística e gañar algún dos cinco galardóns, dotados con 300 euros na modalidade de TFG e PFC e con 500 euros, no caso dos TFM, un por cada unha das cinco áreas de coñecemento (Ciencias da Saúde, Ciencias, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura, Humanidades). A este respecto, seguirase a clasificación das titulacións por ramas de coñecemento que establece a propia USC.

Dispós ata o 30 de setembro de 2014 para presentares nos rexistros da USC un sobre dirixido ao Servizo de Normalización Lingüística da USC con copias do traballo (en papel e dixital) e mais os teus datos, segundo se detalla nas bases do certame. Por outra banda, unha vez rematado a finais de xullo o prazo para concorrer á modalidade de traballos académicos de curso, procederase a escoller os cinco gañadores durante o mes de setembro.

No web dos Premios non só se fornece toda a información e documentos. Tamén achega recursos para mellorar o aspecto formal (deseño, lingua) dos traballos: modelos, criterios de estilo, correctores e tradutores, dicionarios e repertorios terminolóxicos...

As persoas tituladas na universidade non só deben contar cun nivel axeitado de coñecementos. Tamén é desexable que teñan desenvolvidas outras destrezas, habilidades e valores: autonomía, pensamento crítico, dominio das novas tecnoloxías... A presentación axeitada dun traballo dende o punto de vista formal –o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño, a coherencia, etc.-, é unha habilidade comunicativa que todo/a universitario/a debe posuír.

A USC, a partir dunha iniciativa das comisións de normalización lingüística dos centros, pretende contribuír a este obxectivo cos Premios á calidade lingüística, fomentando unha cultura de calidade entre o alumnado ligada ao uso do galego.

O pasado ano presentáronse 71 traballos de fin de grao e proxectos de fin de carreira e 58 na modalidade de traballos de fin de mestrado.


 

Xoves, 18 de setembro de 2014