Novas recentes

Cadro de contas de noso

As comisións de normalización lingüística (CNL) teñen como obxectivo aumentar o uso do galego nos seus centros en todos os ámbitos. Por iso, nos últimos anos, dende a Comisión da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais no Campus de Santiago lévanse editado diversos recursos materiais relacionados coa economía e a xestión empresarial, como os Termos básicos de economía e da empresa, Cartafol con termos esenciais de nova economía ou o Cartafol con termos esenciais de contabilidade. Nesta ocasión a CNL editou en galego o cadro de contas do Plan xeral de contabilidade, para pór a disposición dos alumnos e alumnas do centro, así como dos da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo.

O cadro de contas é una ferramenta de uso diario para calquera contable e, obviamente, resulta necesaria para os alumnos que cursan estas disciplinas nos estudos de Economía e Administración de Empresas. Por iso, a CNL viu necesario facilitarlle ao estudantado este cadro de contas que lle permite identificar calquera elemento patrimonial na nosa lingua, evitando a utilización de termos alleos para definir conceptos tan comúns como tesouraría, achegas dos socios, débedas, soldos, xuros e outros moitos empregados na contabilidade. A utilidade desta ferramenta para o alumnado das nosas facultades durante os estudos é grande, porque hai materias da área de contabilidade nos dous centros de Santiago e Lugo, en ambas as titulacións e en máis dun curso de cada unha. E trátase con titulacións cun alto número de alumnado matriculado.

Xa por último, temos que dicir que adaptándonos as novas tecnoloxías optamos por ofrecer este recurso non só no seu formato impreso, senón que tamén se lles facilita aos alumnos en formato pdf, tanto estático como interactivo. De esta forma cubrimos todas as vías polas que facer chegar ao alumnado o material elaborado, que se pode consultar en papel, no ordenador ou nos dispositivos móbiles.

Dende a súa publicación e distribución hai un mes comprobamos que tanto alumnos como profesorado da área lle dan a benvida a un recurso de balde e práctico no día a día.

O cadro de contas é unha listaxe de títulos que denominan a cada elemento patrimonial. Esta listaxe está incluída dentro da cuarta parte do Plan Xeral de Contabilidade e comprende os grupos, subgrupos, contas e subcontas debidamente codificadas e cun título que expresa o seu contido. O cadro de contas estrutúrase en nove grupos seguindo unha codificación decimal. A cada grupo correspóndelle un díxito e, á súa vez, os grupos divídense en subgrupos, codificados con dous díxitos (o primeiro corresponde ao do grupo e o segundo é o propio do subgrupo). Dentro dos subgrupos están as contas, codificadas con tres díxitos, e estas, á súa vez, conteñen subcontas de catro díxitos ou máis.

Luns, 31 de marzo de 2014