Novas recentes

Evolución dos usos lingüísticos na docencia da USC

Así como na evolución da docencia das titulacións de 1º e 2º ciclo ata o inicio da súa paulatina desaparición se produciu unha lixeira converxencia de usos entre castelán e galego, nos graos semella producirse a tendencia contraria, a de diverxer: as diferenzas de uso entre galego e castelán agrándanse a prol do segundo idioma. Nos mestrados os usos das dúas linguas oficiais son máis equilibrados, son o tipo de títulos en que máis se usa o galego.

evolucion_todoSe atendemos á evolución do uso das linguas na primeira formación universitaria en conxunto, xa que aínda estamos no proceso de implantación de Boloña e conviven graos, licenciaturas e diplomaturas, cómpre salientar unha pequena recuperación do galego a respecto do curso pasado. Nos cursos 2009-2010 e 2010-2011 o galego empoleirouse ata o 28,75% das horas de docencia das titulacións de grao e 1º e 2º ciclo. Porén, nos dous seguintes cursos pasado describiu unha liña de descenso, primeiro ata o 22,20% e logo ata o 19,03%, un dato que nos devolvía a alturas de 2005-2006. Neste curso que andamos produciuse unha pequena recuperación para o galego, que volve ao 20,62%.

Tal cal un espello, logo de o castelán rectificar o perfil da súa curva descendente e recuperar todo o espazo cedido en nove cursos académicos, volve minguar o seu uso dende o 78,68% en 2012-2013 ao 76,07% no actual. Os restantes idiomas, sacados os datos dos dous primeiros cursos, amosan pequenas variantes nun intervalo de só 4 puntos.

evolucion_graosMais, nesta altura, unha vez que as licenciaturas e diplomaturas comezan a extinguirse (de feito, xa só hai docencia no último curso de 26, e son case 76 mil horas de clase), debemos centrar a nosa atención nos graos, unha vez que son as titulacións de referencia, están implantadas en todos os centros e en moitos casos en todos os cursos, e xa son 340 mil horas de docencia. Mais cómpre prudencia pois non contamos cunha serie de datos de varios cursos completos.

O uso medio do galego nos graos neste curso académico é do 21,90%, dez puntos menos que en 2009-2010 (32,11%). Coa implantación xa case total das novas titulacións adaptadas a Boloña, á medida que os graos se normalizaron na USC (especialmente os de maior peso en horas e alumnado), a utilización dos idiomas foise acomodando aos usos lingüísticos maioritarios. Na gráfica correspondente aos usos lingüísticos dos graos podemos ver como a liña que representa o uso do galego ten unha continua pendente descendente dende daquela. Con todo, o uso do galego nos graos é maior que nas titulacións de 1º e 2º ciclo, aínda que este é o primeiro curso en que o uso do galego está lixeiramente por debaixo do mellor dato rexistrado para as licenciaturas e diplomaturas.

Se debullamos os datos por titulacións de grao,  albíscase unha situación –loxicamente- bastante estable. A utilización de cores no documento, que clasifican as titulacións segundo tramos de uso do galego, permite percibir doadamente as mudanzas, en xeral congruentes e comprensibles (por organización da docencia, por cambios de profesorado, por cambios de criterio...), aínda que algunhas resulten rechamantes.

Nos graos é de salientar que xa só unha titulación non imparte nin unha hora de clase en galego, e trátase do Grao en Lingua e Literatura Inglesas. Niso mellórase a situación en comparación coa evolución das licenciaturas e diplomaturas. As titulacións relacionadas con Ciencias da Saúde (Odontoloxía, Medicina, Farmacia, Enfermaría), que posúen un número moi elevado de alumnas e alumnos, reiteran as baixas posicións na táboa ano tras ano, como tamén se pode ver nas licenciaturas e diplomaturas. En xeral, as titulacións que máis docencia en galego imparten (Mestres, Xeografía, Pedagoxía, Xornalismo, Educación Social) tenden a diminuír levemente.
evolucion_mestrados

En canto aos mestrados, o máis salientable é que nos cinco cursos académicos de que temos datos, os usos  de galego e castelán son moito máis equilibrados que no resto das titulacións; daquela, o uso do galego é ata dez puntos superior. Na evolución sorprende o dato do curso 2011-2012, que se debe a un erro na recollida de horas do Máster de Formación do Profesorado, ao que se lle atribúen máis de 45 mil sobre un total de case 86 mil horas de mestrados.

Finalmente, ao debullarmos a evolución dos usos lingüísticos docentes por departamentos, o máis salientable é a progresiva diminución dos departamentos con absoluta falta de docencia en galego, aínda con altibaixos: dende os 19 do curso 2003-2004 aos oito (iso si, ben teimudos) na actualidade. Dermatoloxía e Otorrinolaringoloxía é o departamento que máis se aproxima á docencia 0% en once cursos.

Os datos lingüísticos da docencia da USC

A USC conta con datos sobre o uso dos idiomas na formación universitaria inicial (licenciaturas e diplomaturas e, agora, graos) desde o curso 2003-2004, o que nos permite ofrecer unha panorámica bastante razoable da súa evolución ao longo destes dez cursos académicos. A información baséase  nas planificacións docentes dos departamentos, que se trasladan á aplicación de xestión académica XesCampus e logo se reflicten como datos públicos nas páxinas web das diversas titulacións, nas informacións relativas a cada materia e a cada grupo: profesorado, horario, contidos, programas, competencias, bibliografía, idiomas... Dende o curso 2009-2010, en que se implantaron os primeiros master adaptados ao EEES, tamén contamos con datos sobre os usos lingüísticos deste tipo de titulacións superiores.

Os datos semellan cada curso máis fiables, grazas ás precaucións que se foron adoptando e que impiden que, por exemplo, se escolla unha lingua non oficial da USC na aplicación XesCampus se non está autorizada oficialmente a impartición da materia nese idioma. Por suposto, na introdución de información pode haber erros máis ou menos involuntarios, que explican algúns datos rechamantes pero que non mudan as grandes tendencias; pensemos que as porcentaxes están calculadas sobre as máis de 400 mil horas de docencia que se imparten na USC.

Martes, 11 de febreiro de 2014