Novas recentes

Explícoche matemáticas doutro xeito?

A Facultade de Matemáticas, a través da súa Comisión de Normalización Lingüística, convoca por terceira vez o concurso Explícoche Matemáticas 2.0, no que poderá participar nel calquera alumno/a das universidades galegas, tanto de titulacións de grao como de mestrado, de maneira individual ou en grupos de, como máximo, tres persoas. Tamén poderán participar estudantes de 3º e 4º da ESO e de bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia, en grupos dun máximo de tres estudantes, coordinados por un profesor/a.

O obxectivo do concurso é promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas, así como a creatividade do alumnado a través das novas tecnoloxías, utilizando calquera recurso multimedia, audiovisual ou artístico para a realización da curtametraxe, e sempre en lingua galega.

Os participantes deberán presentar un vídeo de, como máximo, dous minutos de duración sobre un tema relacionado coas Matemáticas, ben desde un punto de vista formal (definición dun concepto, un teorema, idea intuitiva e/ou aplicación), ou ben, cun carácter divulgador, reflectindo como se utilizan as matemáticas na vida cotiá, na cultura, na arte ou na sociedade.

Outórgase un premio para cada modalidade (estudantes universitarios / estudantes de ESO e bacharelato), consistente nun tablet bq Edison 2, que serán entregados no mes de maio, co gallo do Día das Letras Galegas. Ademais, establécese un recoñecemento para o vídeo mellor valorado polo público, pois as curtas admitidas a concurso vanse poder ver a través da Rede. 

O prazo para concursar remata o día 31 de marzo de 2014. Consulta as bases! Inspírate nas curtas da primeira edición!

Beleza

Comparte a beleza

Explícoche Matemáticas 2.0 é unha das actuacións que forma parte de Comparte a beleza, unha campaña de normalización lingüística propia da Facultade de Matemáticas para este curso 2013-2014, destinada a sensibilizar e comprometer o estudantando e o PDI de Matemáticas en difundir a beleza dunha disciplina que non sempre se explica ben, utilizando o galego como unha máis das linguas naturais ás que traducir a linguaxe matemática.

No que levamos de curso, Comparte a beleza axuntou varias actuacións: A distribución de carteis e dípticos de presentación da campaña; unhas xornadas sobre terminoloxía matemática (A beleza dos números, a beleza das palabras), celebradas o pasado novembro, e unha xornada de introdución á oratoria. Nos vindeiros meses hanse programar novas actividades.

 

 

 

 

Luns, 10 de febreiro de 2014