Novas recentes

Repensar o currículo de lingua e literatura galegas

Os días 21-22 de febreiro celebraranse na Facultade de Filoloxía da USC as xornadas Repensando o curriculo educativo en Lingua e Literatura Galegas nun contexto social en mudanza, cuxos destinatarios son o profesorado de ensino secundario da especialidade Lingua galega e Literatura, e todas aquelas persoas preocupadas polo ensino e aprendizaxe da lingua e a literatura galegas.

Os departamentos de Filoloxía Galega e de Didáctica da Lingua e a Literatura da USC consideran que as mudanzas do contexto social e sociolingüístico de Galicia nos últimos anos motivan unha reflexión sobre a maneira de impartir a docencia da nosa lingua e da nosa literatura e sobre como mellorala.

A crecente desgaleguización do alumnado, tanto no que atinxe á lingua inicial como á habitual, o reforzamento de vellos prexuízos lingüísticos que semellaban en retroceso, a chegada de inmigrantes de orixes culturais diversas conforman un novo escenario para o ensino e aprendizaxe do galego.

Xa que logo, o profesorado e o currículo de lingua e literatura galegas deben buscar novas estratexias para a mellora de actitudes e para o fomento do uso instrumental do galego prestando atención á diversidade sociolingüística do alumnado; e deben introducir novos recursos e metodoloxías no ensino da lingua, incluíndo a coordinación coas outras materias de carácter lingüístico.

A matrícula nas xornadas remata o 18 de febreiro. A actividade está recoñecida como formación permanente do profesorado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria con 12 horas lectivas.

Luns, 10 de febreiro de 2014