Novas recentes

O galego na investigación, misión imposible?

No ano 2012 a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, que está composta polas tres universidades do sistema universitario galego e as secretarías xerais de Universidades e de Política Lingüística da Xunta de Galicia, encargoulle á profesora de dereito da USC Alba Nogueira un estudo sobre o uso do galego e o recoñecemento da actividade investigadora, co obxectivo de determinar se a nosa lingua está en condicións de igualdade coas outras linguas oficiais do Estado ou se existen situacións de desvantaxe que pexen o seu uso na investigación.

O informe presentado, que contén un diagnóstico da situación, describe os problemas que presenta o uso do galego na actividade investigadora e unha serie de propostas de actuación tanto para as universidades como para a Xunta de Galicia; foi discutido nunha sesión da Comisión na Universidade de Vigo o 19 de xuño de 2013 e xa é público.

A indexación internacional penaliza a investigación que non sexa en inglés

A conclusión principal a que chega o informe é que, efectivamente, tal e como se presentía, o uso do galego está pexado na actividade investigadora. “O progresivo escoramento dos sistemas de avaliación científica cara a indicadores internacionais de base anglosaxoa incide de maneira moi relevante nas decisións tanto de política académica das universidades como na planificación individual da carreira académica do profesorado universitario.”

Sen entrarmos nos efectos perniciosos que a concentración da publicación investigadora nun pequeno grupo de editoriais produce sobre a ciencia, que mesmo levou a que a Unión Europea esixa a publicación en aberto dos resultados científicos das investigacións financiadas con fondos comunitarios (e de aí, á Lei da ciencia española), si é importante resaltar que o actual sistema de publicación científica lle resta visibilidade e posibilidades de ser valorada xa non á produción investigadora que se poida realizar en galego ou outras linguas minorizadas, senón que mesmo lle resta proxección á realizada en francés ou alemán, ou mesmo á española no ámbito das ciencias e a técnica. Dito doutro xeito: o mesmo traballo pode triunfar ou pasar practicamente desapercibido segundo o idioma que utilice.

Este diagnóstico é coñecido e aceptado na práctica polos organismos que teñen competencias na carreira académica e investigadora do profesorado (Ministerio de Educación, ANECA, rede de investigación española, Xunta de Galicia, ACSUG, universidades, etc.), pois coas súas decisións en política de persoal docente e investigador tenden a reforzar ese sistema de valoración científica, sen que as tímidas medidas de fomento adoptadas ata agora (no caso galego, axudas ás teses e TFM, valoración para o recoñecemento de complementos retributivos ligados á excelencia curricular) logren contrarrestalo.

Daquela, o persoal investigador, alén de cuestións persoais como o grao de coñecemento dos idiomas ou os seus usos lingüísticos, vese obrigado a escoller na súa carreira profesional entre linguas con velocidades de promoción diferentes, no que, máis que unha elección, semella unha imposición clara dos idiomas dominantes, o inglés nomeadamente no caso das ciencias.

A falta de liberdade e a desigualdade lingüística no desempeño da función docente e investigadora é constatada no estudo de Nogueira tamén a través das opinións do profesorado que imparte clase en galego, recollidas a través dunha enquisa ad hoc. Maioritariamente coidan que o usaren o galego na investigación lles produce efectos negativos na súa promoción profesional e conseguintemente sobre as súas retribucións.

Deste xeito, explícase a escasa presenza do galego en todos os planos da actividade investigadora e en todos os momentos da carreira profesional (traballos de fin de mestrado, teses, publicacións, divulgación, transferencia de coñecemento).

Que facer? Algunhas propostas

O estudo non se limita a expoñer a situación actual, senón que propón unha serie de medidas que poden impulsar e poñer en marcha a Xunta de Galicia e as universidades galegas para revertela.

As sucesivas avaliacións a que se somete o PDI ao longo da súa carreira docente e investigadora deberían estar exentas de prexuízos ou penalizacións á investigación en linguas propias. As universidades galegas, catalás e vascas deberían xestionar diante dos organismos estatais encargados das avaliación, ANECA e CNEAI, que asuman o carácter plurilingüe do Estado e que, xa que logo, modifiquen os criterios para protexer igualmente o uso doutros idiomas oficiais distintos do castelán. Complementariamente, os avaliadores deberían recibir formación específica sobre o impacto lingüístico das súas decisións.

Así mesmo, a introdución de estímulos retributivos ao uso do galego na investigación podería acompañar os plans de normalización lingüística nas universidades galegas, de xeito que contrarresten as tendencias uniformizadoras no mundo da ciencia.

Dado que a investigación vai indefectiblemente ligada á docencia no ámbito universitario, proponse tamén que se adopten medidas como utilizar entre os indicadores do plan de financiamento das universidades a presenza do galego no docencia de grao e mestrado; valorar especificamente nos complementos retributivos autonómicos a docencia en galego e as actividades de innovación docente para o uso do galego nas aulas, ou a mellora na dotación e difusión de recursos terminolóxicos, software localizado, materias docentes e outros para o ámbito universitario.

No ámbito da publicación científica e a súa valoración, a Xunta e as universidades poden promover a publicación de obras-cumio de interese para a realidade galega na nosa lingua, así como impulsar publicacións periódicas de calidade que favorezan a presenza do galego.

En canto á divulgación á sociedade, pódese promover actividades de divulgación científica en galego que visibilicen o traballo de investigación que se realiza no país, ou garantir que os medios públicos inclúan programas de divulgación científico-técnica en galego, como xa ocorre na Radio Galega con Eferevesciencia.

Finalmente, sensibilizar e prever que os traballos de transferencia de coñecemento á sociedade se realicen na nosa lingua, así como garantir o galego na actividade de FEUGA e dos servizos de transferencia e emprendemento universitarios ou naqueles contratados pola Xunta de Galicia.

Luns, 02 de decembro de 2013