Novas recentes

Cursos de lingua galega con ECTS

O pasado 30 de outubro o Consello de Goberno da USC aprobou os mecanismos de recoñecemento de créditos ECTS por competencias transversais en lingua galega e TIC para todas as titulacións de grao da USC, e a COAP xa aprobou a concesión de 1 ECTS para os obradoiros “Falar ao dereito”, “Linguaxe xurídica I”, e para os "Cursos de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación".

A partir de agora os cursos de lingua galega de 25-30 horas organizados polo Servizo de Normalización Lingüística que obteñan a aprobación da COAP, veranse recoñecidos cun crédito ECTS. De feito, xa computan 1 ECTS os obradoiros de “Linguaxe xurídica galega I” e “Falar ao dereito” (para mellorar as habilidades orais e argumentativas) para o alumnado do grao de dereito, e os “Cursos de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación”, para o alumnado de todos os graos da USC.

Complétase así as posibilidades que se abrían nas Liñas xerais da USC para a elaboración das novas titulacións oficiais reguladas polo RD 1393/2007 (aprobado na sesión do Consello de Goberno do 29/04/2008), de considerar competencias transversais recoñecibles en ECTS para todas as titulacións de grao da USC o coñecemento instrumental de (i) linguas estranxeiras; (ii) lingua galega, e (iii) tecnoloxías da información e da comunicación.

Ata agora a USC ten procedementos establecidos para recoñecer competencias transversais por coñecementos informacionais e de idiomas estranxeiros (para todos os estudantes) e por coñecementos de  galego para estudantes de fóra de Galicia (3-4-5 ECTS dependendo do nivel: Celga 1-A2, Celga 2-B1 e Celga 3-B2, respectivamente).

Cursos de redacción e deseño de traballos académicos

Está aberto o prazo para inscribirse nos cursos de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación, que conservan o recoñecemento de 1 crédito de libre configuración para todas as titulacións de licenciatura e diplomatura, ao que agora se lle engade o ECTS para todas as de grao. Ademais, outórgase un certificado de asistencia por 30 horas.

Estes cursos lévanse organizando dende os anos 90 e diríxense aos estudantes da USC que desexen mellorar tanto os seus coñecementos lingüísticos como informáticos para a redacción de traballos académicos, proxectos de fin de carreira, traballos de fin de grao e de fin de mestrado ou a tese de doutoramento.

Aínda que o alumnado está ben afeito a traballar con ordenador e posúe un bo coñecemento da lingua galega, hai destrezas comunicativas relacionadas nas que presentan eivas, como redactar con corrección e sen faltas, estruturar ben os contidos, citar con coherencia, elaborar bibliografías, automatizar índices, empregar os correctores, inserir táboas ou imaxes, etc. Precisamente estes son os contidos principais do curso, en que poderán analizar e mellorar un traballo co profesorado do obradoiro.

Cursos en Dereito

Outras dúas actividades formativas organizadas polo SNL, desta volta en colaboración coa CNL de Dereito, que se viron xa recoñecidas con 1 ECTS son o “Obradoiro de linguaxe xurídica galega I” e o Obradoiro “Falar ao dereito” para mellorar as habilidades orais e argumentativas do alumnado de Dereito, de cadansúas 30 horas.

Ambos os dous responden á necesidade recollida na memoria do grao de que o dito estudantado adquira a “capacidade de redactar textos e expresarse oralmente nunha  linguaxe fluída e técnica, utilizando termos xurídicos precisos, claros e comprensibles”, e evidentemente deberían adquirila en igualdade de condicións para os dous idiomas oficiais, co fin de que no seu futuro profesional poidan garantir con éxito e rigor os dereitos lingüísticos da cidadanía.

O “Obradoiro de linguaxe xurídica galega I” achega unha formación gramatical e léxica específica do tecnolecto e a revisión das convencións documentais estilísticas necesarias para o traballo xurídico, a prol da modernización e racionalización da documentación. “Falar ao dereito”, que se está desenvolvendo na actualidade na Facultade de Dereito, pretende mellorar as habilidades comunicativas orais e argumentativas xurídicas do alumnado, en galego, dende aprender a superar o medo a falar en público ata familiarizar o alumnado co desenvolvemento da argumentación en xeral e da xurídica en particular.






 

Venres, 29 de novembro de 2013