Novas recentes

bUSCatermos, ano 1: máis de 100.000 páxinas vistas

Hai pouco máis dun ano (o 1 de outubro de 2012) o banco de datos terminolóxico bUSCatermos convertíase nunha ferramenta de consulta libre. Desde entón, abonda cunha conexión a internet e un computador, ou con descargar a unha tablet ou a un teléfono intelixente as aplicacións móbiles para Android ou iOS, para pode acceder á súa información, que supera xa os 157.000 rexistros e as 460.000 denominacións en distintas linguas.

Este aniversario parécenos unha boa ocasión para facer unha análise do seu nivel de uso, comparándoo co que apuntamos o pasado mes de abril, ao cumprírense os seis meses da súa abertura.

O máis destacable en liñas xerais é que se manteñen as tendencias que xa destacabamos na primavera, e que a "velocidade de cruceiro" de que alí se falaba acabouse asentando como o tráfico habitual de bUSCatermos.

  • Neste primeiro ano superáronse os 9.000 visitantes únicos. Estes realizaron 24.324 sesións de consulta, nas cales accederon a 101.769 páxinas. Mantéñense, xa que logo, as medias de case tres sesións por visitante, e pouco máis de catro páxinas vistas por sesión, que rexistrabamos para o primeiro semestre.
     
  • Se confrontamos un semestre co outro comprobaremos que os datos deste último son levemente inferiores aos do primeiro en termos cuantitativos. Ao noso ver, isto débese basicamente a dúas razóns:
    • o alto número de accesos que recibiu bUSCatermos durante os meses de outubro e novembro de 2012, froito en boa medida da novidade
       
    • a baixada de actividade producida durante os meses de xullo e agosto de 2013

De feito, descontados eses dous factores, o uso mensual de bUSCatermos tende a ir medrando levemente, achegándose nestes últimos tempos aos 1000 visitantes e 2000 visitas por mes.

  • Neste semestre puxemos tamén en marcha unha nova vía de acceso :as aplicacións móbiles para Android e iOS. Pero os datos indícannos que, polo de agora, a súa utilización é ben pequena: nin tan sequera un 5 % das máis de 10.000 visitas recibidas neste período chegou por esta vía.
     
  • Outros datos que parecen confirmar a idea de que neste ano bUSCatermos consolidou un núcleo de usuarios habitual, que consulta a base con frecuencia e realiza consultas máis longas e detalladas:
    • Case o 70% dos visitantes dos seis últimos meses eran usuarios que xa coñecían bUSCatermos.
       
    • A duración media da visita medrou máis de 1 minuto, ata superar os 8, fronte aos 7 que duraba de media entre outubro e abril pasados.

Parécenos importante que, pasado o ímpeto das primeiras semanas, bUSCatermos conseguise estabilizar o seu nivel de utilización nunhas cifras máis ca relevantes; e tamén que a tendencia de uso sexa progresivamente crecente.

Non é preciso insistir en todo o que falta por facer, tanto para divulgar a existencia da propia ferramenta e promover o seu emprego, como para ampliar e mellorar a información que contén. Pero certo é tamén que os recursos son os que son, e non nos queda outra máis que traballar cos vimbios que temos. Tendo en conta iso, estamos satisfeitos...

 

Xusto A. Rodríguez Río

Martes, 12 de novembro de 2013