Novas recentes

Trinta anos da LNL e Recursos educativos para a educación social

A Facultade de Ciencias da Educación organiza, a través da súa Comisión de Normalización Lingüística, co apoio do SNL, as V Xornadas "Educación e Linguas" e as VI Xornadas de "Recursos Educativos en Galego".

V Xornadas Educación e Linguas en Galicia: Trinta anos da Lei de normalización lingüística

O 15 de xullo de 1983 o Parlamento galego aprobou a Lei de normalización lingüística (LNL), cuxo  obxectivo era normalizar a situación do idioma galego tanto na súa situación legal como no seu uso, para o cal regula os dereitos lingüísticos dos galegos e o status das linguas oficiais na comunidade autónoma.

Co gallo dos trinta anos da súa aprobación a Comisión de Normalización Lingüística de Ciencias da Educación centra as “V Xornadas Educación e linguas en Galicia” en avaliar se a LNL cumpriu o obxectivo que se propuña: “asegurar a normalización do galego como lingua propia do noso pobo”. Será na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur) os días 25 e 26 de outubro. O prazo de inscrición está aberto ata o día 18 de outubro.

As xornadas centraranse en reflexionar sobre o alcance dos 30 anos da Lei de normalización lingüística (avances, chanzos, dificultades, futuro….), coñecer as posibilidades que abriu a LNL en 1983 en todos os eidos (especialmente o educativo); avaliar a acción institucional e a iniciativa individual e colectiva, e valorar a necesidade dunha nova lei de normalización lingüística.

O destinatario principal destas xornadas son o alumnado e o PDI das titulacións impartidas na Facultade de Ciencias da Educación, así como alumnado e profesorado da USC en xeral e profesorado do sistema educativo galego non universitario.
Abrirá o programa das xornadas a maxistrada Dalila Dopazo cunha conferencia sobre a análise do cumprimento da LNL, que se complementará con varias táboas redondas e de experiencias sobre diversos ámbitos, especialmente, o educativo. Igualmente haberá un cineforum, a partir da fita Vilamor, no cal se poderá debater sobre as diferenzas na situación do galego na época en que transcorre o filme (os 70, xusto antes da promulgación da Lei) e a actual.

As xornadas teñen recoñecido un crédito ECTS para todas as titulacións de grao, e a inscrición, en liña, custa 10 euros.

VI Xornadas de recursos educativos en galego: a educación social

Ademais, a mesma CNL organiza para os días 8-9 de novembro na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur) as “VI Xornadas de recursos educativos en galego”, cuxo obxectivo principal é crear un espazo para o coñecemento, debate e reflexión ao redor dos recursos educativos en lingua galega. Esta sexta edición centrarase no eido da educación social. Coma sempre, as xornadas buscarán:

  • Coñecer os recursos educativos existentes en lingua galega para a educación social.
  • Definir estratexias e criterios para buscalos e seleccionalos.
  • Concienciar o alumnado da Facultade da importancia que teñen os recursos educativos na práctica profesional
  • Promover a creación de recursos educativos e materiais didácticos propios adaptados ás necesidades contextuais e lingüísticas de Galicia.
  • Impulsar a difusión de experiencias socioeducativas centradas na utilización e elaboración de recursos didácticos en lingua galega.

Ademais da conferencia inaugural, sobre a contribución da educación social á normalización lingüística, o programa das xornadas conta cunha serie de mesas de experiencias, bancos de recursos e obradoiros centrados no obxecto das xornadas.

O destinatario principal destas xornadas son o alumnado, o PDI e PAS das universidades galegas interesado en coñecer estratexias que axuden a mellorar o uso e coñecemento dos recursos didácticos en galego na educación, así como profesionais da educación social interesados/as.

Os participantes matriculados terán dereito a un diploma de asistencia por 14 horas. A inscrición faise en liña, ata o día 4 de novembro, e custa 10 euros.

Mércores, 09 de outubro de 2013