Novas recentes

Resoltos os IX Premios á calidade lingüística dos traballos académicos

Os Premios á calidade lingüística pretenden fomentar entre o alumnado a cultura da calidade ligada ao uso do galego. Concretamente, incentiva nos estudantes o desenvolvemento dunha habilidade comunicativa como é a presentación axeitada dun traballo dende o punto de vista formal, o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño, a coherencia, etc., na nosa lingua.

Esta novena edición, ademais de acoller unha terceira modalidade (traballos de fin de mestrado, xunto cos traballos académicos e traballos de fin de grao) incluía outras diferenzas a respecto das anteriores: por vez primeira se convocaba para todas as titulacións de grao, dotaba cinco premios por grandes áreas de coñecemento e reducía os premios de dous a só un, así como a súa contía, por mor dos axustes económicos que sofre o SNL.

Ao chamado presentáronse vintecatro traballos académicos, a primeira das modalidades avaliadas. E podemos dicir que as habilidades comunicativas e a competencia lingüística en galego do estudantado da USC semellan moi satisfactorias, á vista destes traballos presentados.

O xurado reuniuse o 30 de setembro para a avaliación final dos 8 traballos de humanidades, 7 de ciencias sociais e xurídicas, 5 de enxeñaría, 2 de ciencias e 2 de ciencias da saúde. Resultaron gañadores/as:

  • Área de CC. da Saúde: Benestar animal no transporte de animais de abasto, de Itziar Prieto e outras (Veterinaria, 3º curso)
  • Área de Ciencias: Evolución da resposta inflamatoria en rodaballo durante a vacinación, de Sergio Mariño Estévez (Bioloxía, 5º curso)
  • Área de Enxeñaría: Estudo de impacto ambiental do ensanche e mellora do vial de enlace entre a estrada LU-530 e a Rúa Doutor Ulises Romero, de Sandra Lombao Fariñas e outra (Enxeñaría Civil, curso ponte)
  • Área de Humanidades: Análise do verbo molestar, de María Crespo Vázquez (Filoloxía Galega, 1º curso)
  • Área de CC. Sociais e Xurídicas: Do conto á xeometría, de Alba Blanco Pérez e outras (Mestre de Primaria, 2º curso)

Os galardóns seranlles entregados oficialmente nun acto conxunto, onde tamén se fará entrega dos premios á calidade nas outras dúas modalidades, TFM e TFG/PFC, os cales serán ditaminados ao longo deste último trimestre do ano entre os máis de 50 e 70 TFG/PFC e TFM, respectivamente, como se ve na imaxe.

traballospresentados1

Martes, 08 de outubro de 2013