Novas recentes

O catálogo da Biblioteca da USC, en galego

Se hai unha base de datos que é de consulta obrigatoria para calquera persoa que estude ou traballe na USC, esa é o catálogo da Biblioteca Universitaria, no cal poden pescudar día e noite estudantes, investigadores/as e moitas outras persoas de fóra da USC.

A Biblioteca Universitaria acaba de actualizar o seu portal en Internet con melloras orientadas ás persoas usuarias: ver as portadas dos libros, consultar as obras total ou parcialmente (grazas á interacción con Google Books) ou confeccionar listas propias de obras, valoralas ou compartilas a través das redes sociais).

Porén, a mudanza máis fonda e de maior envergadura ten que ver coa normalización lingüística. Agora no Catálogo Iacobus podemos facer as buscas de libros por tema na nosa lingua, tanto no índice de tema en galego como na busca por palabra.

Deste xeito, podemos procurar referencias bibliográficas sobre a linguaxe buscando tanto a partir de lenguaje como de linguaxe, coidando sempre de utilizar castelán ou galego, segundo o índice de tema que elixiramos. Como ata agora, os resultados da busca poden ser directamente unha lista de libros ou unha lista de reenvíos a novos termos, pois o sistema traballa con encabezamentos de tema controlados, polo que entre os resultados da busca poden aparecer reenvíos dende os termos usados polos usuarios aos termos empregados pola Biblioteca, como se ve na imaxe.

Conseguir o respecto aos dereitos lingüísticos dos usuarios e usuarias da Biblioteca Universitaria foi un labor inxente, que se emprendeu hai máis de vinte anos dende o Servizo de Normalización Lingüística co apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística, e que logo se retomou conxuntamente co persoal técnico da propia Biblioteca, que traballou de xeito voluntario neste proxecto.

Trátase da tradución ao galego dos termos que a Biblioteca emprega na indización temática de todos os recursos que se incorporan ao Catálogo. Os termos tradúcense dunha lista en francés, do Repertoire de vedettes matiére da Université Laval de Quebec, e constitúen unha ferramenta bilingüe ao recoller os termos equivalentes en castelán e permitir facer as buscas neste idioma no índice correspondente.

Non se traduciron os máis de 200 mil termos que compoñen o Repertoire, senón soamente os que necesita o persoal técnico da Biblioteca para facer a catalogación dos fondos da USC: uns 29.000, aos que cómpre engadirlle os 9.500 sinónimos en galego que están asociados ao termo aceptado, o que permite facer os reenvíos dende os termos empregados polos usuarios aos termos elixidos pola Biblioteca. Con todo, o número que ha seguir medrando a medida que as necesidades de novos termos para catalogar novos fondos aumenten.


 
 

 

Martes, 28 de maio de 2013