Novas recentes

En xuño, repasamos... premios, concursos e axudas

Premios á calidade lingüística

Os Premios á calidade lingüística están destinados aos mellores traballos académicos, traballos de fin de grao (TFG) e proxectos de fin de carreira (PFC), así como traballos de fin de mestrado (TFM) que foran elaborados en galego.

Outórgase un galardón por modalidade por cada unha das cinco áreas de coñecemento (Ciencias da Saúde, Ciencias, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura, Humanidades). Deste xeito, os traballos académicos optarán a un dos cinco premios de 150 euros e diploma, segundo a clasificación da titulación que cursa o alumno/a. O mesmo ocorre cos traballos de fin de grao (TFG) e proxectos de fin de carreira (PFC), aínda que neste caso os galardóns son de 300 euros, e igualmente coa terceira das modalidades, a dos traballos de fin de mestrado (TFM), que poden recibir ata 500 euros.

O mellor dos Premios á calidade lingüística é que non cómpre facer nada ad hoc, agás presentarse. Só facer o traballo que corresponda, en galego, aprobalo (ata aquí, nada extra) e presentalo na forma, no lugar e no prazo (21 de xuño, 25 de setembro e 4 de outubro, respectivamente) que se indica nas bases correspondentes a cada modalidade.

No web dos Premios non só se fornece toda a información e documentos. Tamén achega recursos para axudar a mellorar o aspecto formal (deseño, lingua) dos traballos: modelos, criterios de estilo, correctores e tradutores, dicionarios e repertorios terminolóxicos...

X Premios Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras

Se es membro (estudantes, docentes, PAS) de calquera das tres universidades galegas, ben a título individual, ben en equipo (como comisións de normalización, organización estudantil, etc.) podes participar nos X Premios Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras nalgunha das súas dúas modalidades: campaña ou idea.

Se optas por argallar unha proposta de campaña que desenvolva unha iniciativa orixinal de fomento do uso do galego no ámbito universitario, debes presentala de xeito que conte cunha diagnose previa e os elementos habituais dunha acción planificada: obxectivos, destinatarios/as, metodoloxía, actividades, temporalización, recursos e avaliación. Esta modalidade está dotada cun galardón de 1500 euros.
Se tes unha boa idea para o galego na Universidade, mais non te ves planificando o seu desenvolvemento, podes igualmente participar neste concurso e gañar ata 1000 euros. Só tes que entregar un informe razoado sobre a idea que se presenta, a súa motivación, os seus obxectivos e a súa incidencia social.

Tes ata as 14 horas do día 8 de novembro de 2013 para presentares no rexistro xeral de calquera das tres universidades a túa idea ou a túa proposta de campaña. No web do SNL da UdC podes informarte polo miúdo das características e das bases do concurso, así como consultar os traballos premiados anteriormente.

III Premio de curtas de comedia «Somos a curta!»

Se che apetece facer unha incursión no mundo das curtas e da comedia, e es estudante dalgunha das universidades galegas, do ciclo de Imaxe e Son, ou de bacharelato artístico neste ano 2013, podes participar no III «Somos a curta!».

Non tes máis que enviar tres dvd coa peza e os datos correspondentes á Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC antes do 15 de outubro de 2013. No mes de novembro todas as curtas presentadas exhibiranse nunha gala especial na propia Facultade, na que o xurado outorgará dous premios de 400 e 200 euros, e o público elixirá qué fita leva o seu premio, galardoado con diploma honorífico.

A CNL de Ciencias da Comunicación organiza este certame, unha proposta da Liga Estudantil, cos obxectivos de promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos novos valores do audiovisual galego; premiar os dotes lingüísticos, técnicos, artísticos e humorísticos dos estudantes galegos e, finalmente, e non menos importante, gozarmos dunha xornada de humor na nosa lingua.

Axudas ás teses de doutoramento en galego

As axudas ás teses de doutoramento en galego outórganse a aquelas persoas que elaboren e defendan estes traballos en lingua galega e así a soliciten a través do Rexistro Xeral da USC ata o 31 de decembro de 2013, se o len este ano. Trátase dunha subvención directa dun máximo de 400 € para os gastos de fotocopiado e encadernación do traballo.

As subvención complétanse con servizos de consulta e asesoría lingüística e terminolóxica, así como de asesoramento para a elaboración e uso de presentacións dixitais que se adoitan utilizar na defensa das teses, por parte do Servizo de Normalización Lingüística.
 

Martes, 28 de maio de 2013