Novas recentes
As linguas dos TFG e TFM de 2020
Martes, 04 de maio de 2021
Tese en galego? Por que non?
Martes, 27 de abril de 2021
XVII Premios á calidade lingüística
Martes, 27 de abril de 2021
Terminoloxía con formatos visuais
Martes, 27 de abril de 2021
Pasen e concursen (en Filoloxía, Xeografía e Historia, e Química)
Martes, 27 de abril de 2021
As linguas da docencia da USC
Luns, 22 de febreiro de 2021
Novo Plan de Accións de Normalización Lingüística 2020-2022
Luns, 22 de febreiro de 2021
As vacinas, en 125 termos esenciais
Luns, 22 de febreiro de 2021
A quen recoñecerá o IV Premio “Luis Porteiro Garea “?
Venres, 19 de febreiro de 2021
Grande interese polo Curso de Habilidades Comunicativas
Venres, 19 de febreiro de 2021
Estabilidade lingüística na docencia
A USC conta con datos sobre o uso dos idiomas na docencia desde o curso 2003-2004, o que nos permite obter unha panorámica ao longo destes catorce cursos académicos bastante razoable. A información baséase nas planificacións docentes dos departamentos e están referidas a horas de clase. A estabilidade nos usos lingüísticos é, en xeral, a tónica dominante.
Evolución nos graos
A lingua que segue acaparando a maior parte da docencia é o castelán, que sobe case 13 puntos porcentuais dende ese curso de referencia 2009-2010, en que comezaron a poñerse en marcha 28 dos 50 graos actuais. O uso do galego nos graos neste curso académico é do 20,13%, doce puntos menos que en 2009-2010 (32,11%), logo de seis cursos de caída ininterrompida, como se pode apreciar na pendente suave pero continua que representa o galego. O uso do inglés e doutras linguas continúa estancado e limítase ao ensino das linguas nas titulacións de Filoloxía e como materia técnica noutras, mentres que apenas se usa como lingua vehicular no ensino.
Se adoptamos unha perspectiva máis ampla, dende o curso 2003-2004, e consideramos de xeito conxunto a docencia de titulacións de 1º e 2º grao e os graos, o que observamos é unha grande estabilidade: sacada a anomalía dos cursos 2009-2010 e 2010-2011, os datos son sempre moi semellantes e indican que, con variacións mínimas, un cuarto da docencia básica universitaria se imparte en castelán, un quinto en galego e outro quinto noutros idiomas.
Se debullamos os datos por titulacións de grao, a situación semella bastante estable. As cores, que clasifican as titulacións segundo tramos de uso do galego, permiten percibir doadamente as mudanzas, en xeral, congruentes e comprensibles.
Só tres titulacións non imparten nin unha hora de clase en galego: o Grao en Lingua e Literatura Inglesas e as enxeñarías Agrícola e do Medio Rural e mais a de Industrias Agroalimentarias, que apenas teñen docencia por mor da reordenación de titulacións nesta área. As titulacións relacionadas con Ciencias da Saúde (Odontoloxía, Medicina, Farmacia, Enfermaría), ocupan ano tras ano as baixas posicións de menores usos do galego na táboa. Precisamente, os datos lingüísticos xerais escoran cara ao castelán por mor destas titulacións ligadas á área de Ciencias da Saúde, as de maior carga docente, logo de completaren a súa implantación como graos. Só as horas docentes de Medicina representan case a cuarta parte do total da USC, a moitísima distancia de calquera outra titulación (o seguinte en cantidade de docencia impartida é CC. da Educación, co 6%) e que o uso do galego en Medicina é do 0,88% no curso actual. A implantación deste grao desde o primeiro curso en 2010-2011 ata sexto no 2014-2015, revela unha mingua do uso do galego (xa baixo de entrada, co 6%) ata practicamente desaparecer no actual curso.
Tamén se aprecia unha grande estabilidade nos restantes segmentos considerados (10-25%, 25-50%, máis do 50%).
Evolución nos mestrados
Nos mestrados o uso das dúas linguas oficiais segue estando máis próximo ao equilibrio, arredor dun 60-35. Na evolución sorprende o dato do curso 2011-2012, que se debe a un erro na recollida de horas do Máster de Formación do Profesorado, ao que se lle atribúen máis de 45 mil sobre un total de case 86 mil horas de mestrados. Non se aprecian variacións no uso do inglés e doutras linguas nos mestrados, o cal se pode considerar residual, sempre próximo ao 2%.
Se debullamos a evolución por titulacións de mestrado, tamén se percibe certa estabilidade, malia algúns datos incoherentes que poden deberse a erros á hora de cubrir o POD na aplicación informática XesCampus.
Aínda que a redución de departamentos fará máis difícil ver a evolución dos seus usos lingüísticos, semella haber congruencia. O máis salientable é a progresiva diminución dos departamentos con absoluta falta de docencia en galego, aínda con altibaixos: dende os 19 dun total de 98 no curso 2003-2004 aos catro de 51 na actualidade. Os departamentos relacionados coas Ciencias da Saúde e Química revélanse como os máis reacios a incorporar o galego ás súas horas docentes. Tamén é destacable a estabilidade, en xeral e a congruencia dos datos, agás algúns pequenos saltos que poden corresponder a erros puntuais (o 95% de galego en Química Orgánica no curso 2005-2006) ou a evolucións e cambios puntuais nos usos do profesorado.
A evolución dos usos lingüísticos da docencia da USC
A USC conta con datos sobre os usos lingüísticos na formación universitaria inicial (licenciaturas e diplomaturas e, agora, graos) desde o curso 2003-2004, o que nos permite ofrecer unha panorámica da súa evolución ao longo destes catorce cursos académicos bastante razoable. A información baséase nas planificacións docentes dos departamentos, que se trasladan á aplicación de xestión académica XesCampus e logo se reflicten como datos públicos nas páxinas web das diversas titulacións, nas informacións relativas a cada grupo de cada materia: profesorado, horario, contidos, programas, competencias, bibliografía, idiomas... Dende o curso 2009-2010, en que se implantaron os primeiros máster adaptados ao EEES, tamén contamos con datos sobre os usos lingüísticos deste tipo de titulacións superiores.
Os datos semellan cada curso máis fiables, grazas ás precaucións que se foron adoptando e que impiden que, por exemplo, se escolla unha lingua non oficial da USC na aplicación XesCampus se non está autorizada oficialmente a impartición da materia nese idioma. Por suposto, na introdución de información pode haber erros máis ou menos involuntarios, que explican algúns datos rechamantes pero que non mudan as grandes tendencias; pensemos que as porcentaxes están calculadas sobre as máis de 457 mil horas de docencia que se imparten na USC.
Luns, 30 de xaneiro de 2017