Novas recentes

Somos a curta... por terceira vez!

Se che apetece facer unha incursión no mundo das curtas e da comedia, e es estudante dalgunha das universidades galegas, do ciclo de Imaxe e Son, ou de bacharelato artístico neste ano 2013, podes participar no III Premio de curtas de comedia «Somos a curta!».

Non tes máis que enviar tres dvd coa peza e os datos correspondentes á Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC antes do 15 de outubro de 2013. No mes de novembro todas as curtas presentadas exhibiranse nunha gala especial na propia Facultade, na que o xurado outorgará dous premios de 400 e 200 euros, e o público elixirá qué fita leva o seu premio, galardoado con diploma honorífico.

A CNL de Ciencias da Comunicación organiza este certame, unha proposta da Liga Estudantil, cos obxectivos de promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos novos valores do audiovisual galego; premiar os dotes lingüísticos, técnicos, artísticos e humorísticos dos estudantes galegos e, finalmente, e non menos importante, gozarmos dunha xornada de humor na nosa lingua.

Irreverentes

Irreverentes é o adxectivo máis acaído para cualificar as curtas gañadoras nas dúas pasadas edicións: Longa noite de verga (2011), de Anxo Franco Couceiro e Iago Seoane Rodríguez, narra a crise de identidade dun director de cinema porno en galego; e Familia (2012), de Gael Carballo e Rafael Pérez, a violenta construción dunha familia “alternativa”.

As fitas, xunto con todas as presentadas ao concurso, proxectáronse durante as respectivas galas na Facultade en 2011 e 2012, as cales foron presentadas pola cómica Isabel Risco e por Carlos Blanco, diante dunhas duascentas persoas. Algunhas das curtas presentadas poden visualizarse a través do perfil en Facebook da CNL da Facultade.

somosacurta2013

Martes, 30 de abril de 2013