Novas recentes

Aprende a localizar (e localiza) software ao galego no V Fiadeiro da ETSE

Apetéceche contribuír a que exista máis software en galego? Gustaríache participar en grupos colaborativos de localización? Queres poñer a proba as túas destrezas lingüísticas e de paso aprender algo sobre ferramentas de tradución? Apúntate ao V Fiadeiro de localización de software libre!

Que non che pareza difícil: o único requisito e contar cun nivel básico de inglés e de informática, e co nivel de galego dos estudos de secundaria (Celga 4, perfeccionamento). O resto adquiriralo o 25 de abril, nos obradoiros de formación en que has coñecer as ferramentas e os procedementos do traballo de localización, así como memorias de tradución, glosarios, etc.

Posteriormente o sábado 27 de abril as persoas que participaron no obradoiro reuniranse outra volta na Aula I.1 da ETSE na xornada de localización, para compartir durante 9 horas música, lecer, comida, conversa e, por suposto, traballo de localización, como o desenvolvido o pasado ano. Contarán co apoio incondicional e entusiasta do profesorado habitual do curso: Enrique Estévez Fernández e Antón Méixome, membros de Trasno e coordinadores dos equipos galegos de localización, respectivamente, de OpenOffice e LibreOffice. En anteriores edicións afrontouse a localización da interface de NeatBens, aplicacións de Ubuntu e a axuda do Impress de Libre Office

Créditos, diplomas, curriculum, premios!

Todos os participantes, ademais de conseguiren un crédito de libre configuración ou créditos polo recoñecemento de competencias transversais (que se está a tramitar), arrequentarán o seu currículum cun diploma de asistencia á actividade por 12 horas e mais cunha constancia do seu traballo de localización da aplicación que se lle encomendara; do mesmo xeito, han figurar nos créditos propios da versión localizada.

Por outra banda, optan ao premio «Máis e mellor», que se lle concederá a quen traduza máis cantidade de cadeas e coa maior calidade. Na anterior edición as alumnas Marta Álvarez Pena, de Xornalismo, e Marta Piñeiro Peón, de Matemáticas, recibiron 369,40 euros, o importe correspondente á valoración  económica de carácter profesional do traballo que realizaron, para o cal se establece unha dotación económica de 0,10 euros por palabra única traducida correcta.

A inscrición, cuxo prazo remata o 22 de abril, custa 10 euros (inclúe o xantar do sábado 27) e formalízase a través da web, onde poderás atopar toda a información necesaria sobre esta iniciativa de dinamización para o fomento conxunto do galego e do software libre.

A quinta edición do ETSE Open de SL/ Fiadeiro de localización de software libre é unha iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, organizada xunto co Servizo de Normalización Lingüística e co apoio de Trasno.

Venres, 29 de marzo de 2013