Novas recentes

Obradoiro de elaboración e defensa de traballos de fin de grao ou traballos de fin de mestrado en galego

O Obradoiro de elaboración e defensa de traballos de fin de grao ou traballos de fin de mestrado en galego ten como obxectivo que os alumnos e alumnas que teñan que redactar e defender este tipo de traballos o fagan coa máxima calidade formal e en lingua galega, para o que traballarán sobre un modelo (aprobado, por exemplo, na Facultade de CC. Económicas e Empresariais, en Psicoloxía e mais na ETSE) e titorizados polo profesorado do obradoiro. Desenvólvese de xeito aberto para todo o alumnado matriculado na materia de “Traballo de Fin de Grao” ou no TFM de todas as titulacións.

O curso combina exposicións teóricas e sesións prácticas, e nas horas non presenciais o alumnado deberá revisar o seu traballo de fin de grao ou de fin de mestrado segundo o modelo que se lles fornece e as pautas do curso. Logo haberá unha serie de sesións presenciais de posta en común para comentar as dúbidas, erros e acertos dos traballos.

Nas 30 horas do obradoiro, 26 delas presenciais, as persoas asistentes verán contidos lingüísticos-documentais (redacción, terminoloxía, corrección e revisión, partes do traballo, uso de modelos) e informacionais (busca, selección e inclusión de recursos de información -Refworks-) para a redacción do TFG/TFM, e tamén comunicacionais para a defensa do traballo con apoio de presentacións dixitais.

Hai dous obradoiros de elaboración e defensa de traballos de fin de grao ou traballos de fin de mestrado en galego: un, na Facultade de Historia, na Aula Informática 5, dende o día 2 ao 11 de marzo agás o venres, de 17 a 19 ou 20 horas, dependendo dos días; outro, en Lugo, na Facultade de ADE, na Aula Informática 2, do 9 ao 18 de marzo,  agás o venres, tamén de 17 a 19 ou 20 horas.

Ao evidente beneficio da mellora da calidade formal do traballo, engádeselle o recoñecemento de 1 crédito ECTS por competencias transversais (en lingua galega) e o diploma de asistencia por 30 horas.

A matrícula no curso custa 30 euros e poderase realizar, no caso do Obradoiro de Lugo, ata o día 27 de febreiro.

Esta acción formativa foi inicialmente proposta pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, e organizada conxuntamente co SNL. Logo de dúas edicións, con boas valoracións e resultados, o SNL decide ampliar esta acción para todo o alumnado que deba realizar un destes traballos, os TFG ou os TFM, para o cal contará co financiamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Venres, 27 de febreiro de 2015