Novas recentes

No verán, vente a Galicia e aprende a nosa lingua!

O Instituto da Lingua Galega, a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan a 26º edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras, que terán lugar en Santiago de Compostela do 4 ao 24 de xullo de 2013.

O fin primordial destes cursos é darlle ao alumnado a oportunidade de familiarizarse coa lingua galega e coa realidade sociocultural de Galicia. Aprender galego e comprender a súa cultura vailles ser ben doado, pois ademais de clases de comprensión e expresión escrita e oral da lingua galega, poderán gozar de conferencias sobre literatura, historia, arte..., películas e documentais en galego, visitas a lugares de interese na cidade e arredores.

O destinatario dos XXVI Cursos de verán de lingua e cultura galegas é o alumnado e o profesorado universitario que estea interesado na lingua, na literatura e na cultura galegas, persoas que logo adoitan converterse en embaixadores da cultura galega na súa patria de orixe, onde seguen a investigala e a espallala. E en Galicia son un factor de prestixio para o idioma, pois ao falaren galego con naturalidade mais co seu acento foráneo, danlle un plus que descoloca a xente galega que ten prexuízos sobre o valor e a utilidade da lingua propia de Galicia, á vez que é un motivo de orgullo para quen aquí traballa arreo pola plena normalización do idioma. Máis dunha vez os asistentes teñen que lles pedir aos veciños que lles falen en galego, como sucedeu o pasado ano na Costa da Morte.

Os cursos de lingua e cultura galegas constan de tres niveis:

  • Elemental, de iniciación á lingua para quen desexe introducirse no seu coñecemento. O alumnado deste nivel distribuirase en dous grupos segundo o grao de comprensión da lingua, previa realización dunha proba.
  • Medio, destinado a quen xa realizou o curso elemental ou que posúa un coñecemento básico do idioma, previa realización dunha proba.
  • Curso superior de Filoloxía Galega, para quen cursou o nivel medio ou acredite un bo dominio do galego.

O profesorado dos niveis elemental e medio son titulados ou investigadores en lingua galega dos Seminarios de Lexicografía e de Gramática da RAG e do ILG, con experiencia no ensino da lingua. O profesorado do Curso Superior son profesores con docencia no Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela.

Poderanse inscribir todas as persoas que o desexen, unicamente se esixe ter cumpridos 18 anos e que a ficha de inscrición e a documentación requirida no caso de petición de bolsa estea na Secretaría dos Cursos antes do 1 de maio. A organización dos Cursos dispón de varias bolsas, por importe de 350 euros cada unha. Os bolseiros e bolseiras están exentos do pagamento da matrícula.

Máis información e inscrición no web do Instituto da Lingua Galega.
 

Venres, 29 de marzo de 2013