Novas recentes

Miraxes? O galego na docencia da USC nos últimos anos


Nos cursos 2009-2010 e 2010-2011 produciuse unha moi positiva evolución do uso do galego na docencia da USC, que impulsaba o noso idioma a unha suba de case 10 puntos, dende o 20,40% anterior ata o 29,52%. Mais os usos lingüísticos semellan volver ao seu na USC, e o galego diminúe ata cotas anteriores ao curso 2005-2006 na formación de grao.

evolucion

Polo medio, a transformación da totalidade das titulacións para adaptarse ao EEES, a diminución do cadro de persoal do PDI por mor dos recortes, as expectativas creadas (e frustradas) arredor dos complementos de recoñecemento á excelencia curricular, que inclúen incentivos ao uso do galego, ou, mesmo, circunstancias externas á universidade, como o clima conflitivo creado arredor da cuestión do galego ou as consecuencias da aprobación do Decreto do plurilingüísmo para os titulados e a docencia universitaria.

Se atendemos á evolución do uso das linguas na primeira formación universitaria (graos, licenciaturas e diplomaturas), cómpre salientar a mingua do galego e a correspondente suba do castelán por segundo curso consecutivo. Nos cursos 2009-2010 e 2010-2011 o galego empoleirouse ata o 28,75% das horas de docencia das titulacións de grao e 1º e 2º ciclo. Porén, no curso pasado iniciouse unha liña de descenso, primeira ata o 22,20% e este curso ata o 19,03%, un dato que nos devolve a alturas de 2005-2006.

Tal cal un espello, o castelán rectifica o perfil da súa curva descendente e recupera todo o espazo cedido nos últimos 9 cursos académicos. Os restantes idiomas, sacados os datos dos dous primeiros cursos, amosan pequenas variantes nun intervalo de só 4 puntos.

Se atendemos á tipoloxía de titulacións que reflicte a terceira das gráficas, referida aos catro últimos cursos académicos, observamos que se mantén a maior galeguización dos graos fronte ás licenciaturas e diplomaturas. Porén, o excelente dato para o galego nos graos no curso 2009-2010 (32,11%) foi rechumíndose nos dous cursos seguintes, o que sen dúbida ha ter moito que ver coa implantación xa case total das novas titulacións adaptadas a Boloña: á medida que os graos se normalizaron na USC (especialmente os de maior peso en horas e alumnado), a utilización dos idiomas foise acomodando aos usos lingüísticos maioritarios. Por outra banda, resulta rechamante, malia o seu descenso neste curso, o elevado uso do galego nos mestrados en relación ás restantes titulacións.

Se debullamos os datos por titulacións,  albíscase unha situación –loxicamente- bastante estable. A utilización de cores no documento, que clasifican as titulacións segundo tramos de uso do galego, permite percibir doadamente as mudanzas, en xeral congruentes e comprensibles (por organización da docencia, por cambios de profesorado, por cambios de criterio...), aínda que algunhas resulten rechamantes.

Nos graos é de salientar que por vez primeira só hai unha titulación que non imparta nin unha hora de clase en galego, e trátase do Grao en Lingua e Literatura Inglesas. As titulacións relacionadas con Ciencias da Saúde (Odontoloxía, Medicina, Farmacia, Enfermaría), que posúen un número moi elevado de alumnas e alumnos, reiteran as baixas posicións na táboa ano tras ano, como tamén se pode ver nas licenciaturas e diplomaturas. En xeral, as titulacións que máis docencia en galego imparten (Mestres, Xeografía, Pedagoxía, Xornalismo, Educación Social) tenden a diminuír levemente.

Finalmente, por departamentos, o máis salientable é a progresiva diminución dos departamentos con absoluta falta de docencia en galego, aínda con altibaixos: dende os 19 do curso 2003-2004 a cinco ou sete (iso si, ben teimudos) na actualidade.
 

Datos de usos lingüisticos na USC

A USC conta con datos sobre o uso dos idiomas na formación universitaria inicial (licenciaturas e diplomaturas e, agora, graos) desde o curso 2003-2004, o que nos permite ofrecer unha panorámica bastante razoable da súa evolución ao longo destes dez cursos académicos. A información baséase  nas planificacións docentes dos departamentos, que se trasladan á aplicación de xestión académica XesCampus e logo se reflicten como datos públicos nas páxinas web das diversas titulacións, nas informacións relativas a cada materia e a cada grupo: profesorado, horario, contidos, programas, competencias, bibliografía, idiomas... Dende o curso 2009-2010, en que se implantaron os primeiros máster adaptados ao EEES, tamén contamos con datos sobre os usos lingüísticos deste tipo de titulacións superiores.

Os datos semellan cada curso máis fiables, grazas ás precaucións que se foron adoptando e que impiden que, por exemplo, se escolla unha lingua non oficial da USC na aplicación XesCampus se non está autorizada oficialmente a impartición da materia nese idioma. Por suposto, na introdución de información pode haber erros máis ou menos involuntarios, que explican algúns datos rechamantes pero que non mudan as grandes tendencias; pensemos que as porcentaxes están calculadas sobre as máis de 530.625 horas de docencia impartidas na USC.
 

 

Mércores, 27 de febreiro de 2013