Novas recentes

Elaborar TFG ou TFM ben feitiños e na nosa lingua

O Obradoiro de elaboración e defensa de traballos de fin de grao ou traballos de fin de mestrado en galego ten como obxectivo que os alumnos e alumnas que teñan que redactar e defender este tipo de traballos o fagan coa máxima calidade formal e en lingua galega, para o que traballarán sobre un modelo aprobado pola Facultade de CC. Económicas e Empresariais e titorizados polo profesorado do obradoiro.  Trátase da segunda edición deste mesmo obradoiro.

O curso combinará exposicións teóricas e sesións prácticas, e nas horas non presenciais o alumnado deberá revisar o seu traballo de fin de grao ou de fin de mestrado segundo o modelo que se lles fornece (aprobado pola Facultade) e as pautas do curso. Logo haberá unha serie de sesións presenciais de posta en común para comentar as dúbidas, erros e acertos dos traballos.

Nas 30 horas do curso as persoas asistentes verá contidos lingüísticos-documentais (redacción, terminoloxía, corrección e revisión, partes do traballo, uso de modelos) e informativos  (busca, selección e inclusión de recursos de información -Refworks-) para a redacción do TFG/TFM, e tamén comunicacionais para a defensa do traballo con apoio de presentacións dixitais.

Non terán que desprazarse os estudantes, pois o Obradoiro de  elaboración e defensa de traballos de fin de grao ou traballos de fin de mestrado en galego, pois se vai desenvolver na propia Facultade de Económicas, na Aula Informática 7, a partir do 12 de marzo, os martes e os mércores ao mediodía, en sesións de 2 horas. Esta acción formativa foi proposta e organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da súa Facultade e trátase da segunda edición, logo do éxito de participación, valoración e resultados da primeira, celebrada o pasado curso.

Ao evidente beneficio da mellora da calidade formal do traballo, engádeselle o diploma de asistencia por 30 horas. Está, ademais, solicitado o recoñecemento de 1 crédito ECTS.

A inscrición no curso, a través da Secretaría Virtual, poderase facer a partir do día 1 de marzo ata o 12 do mesmo mes, cun custo de 20 euros.

A que agardas para inscribirte?




 

Mércores, 27 de febreiro de 2013