Novas recentes

Sete sentenzas sobre o Decreto do plurilingüismo

A Mesa pola Normalización Lingüística, Queremos Galego, CIG-Ensino, a Real Academia Galega, o sindicato STEG e CCOO, mais tamén a Mesa por la Libertad Lingüística e a Asociación Gallega para la Libertad de Idioma interpuxeron en 2010 cadanseu recurso en contra do Decreto do Plurilingüismo. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu neste mes de decembro as sentenzas correspondentes, polas que declara ilegais varios preceptos do Decreto de 2010 e desestima os recursos de AGLI e a Mesa por la Libertad.

Malia que as sentenzas non deixan sen efecto a totalidade do Decreto, si invalidan dous aspectos moi importantes: o condicionamento da lingua vehicular das aulas mediante enquisas ás familias e a liberdade idiomática do alumnado nas materias.

Á liberdade, polo coñecemento

En efecto, a aplicación do decreto no ensino infantil establece que unha consulta ás familias sobre a lingua decidía, por maioría simple, o idioma vehicular da clase. Por outra banda, o Decreto permite que os alumnos e alumnas de calquera dos niveis educativos poidan utilizar a lingua que prefiran en todas as materias, mesmo naquelas que se imparten obrigadamente nun dos idiomas oficiais.
Segundo o TSXG, ambos os aspectos impiden a consecución do obxectivo fixado polo marco estatutario: que nenos e nenas, ao final da súa escolarización sexan igual de competentes en galego e castelán. Esa é a única base posible para unha elección libre no uso das linguas: coñecer as dúas por igual.

Coa consulta na etapa infantil ás familias e a consecuente abdicación da Administración educativa das súas responsabilidades, non se procura que, ademais de afortalar a adquisición da lingua materna, o alumnado adquira paulatinamente o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia.  E, dende logo,  ao permitirlle ao alumnado dos restantes niveis educativos a utilización do castelán malia que sexa o galego a lingua en que se imparte a materia, tampouco se facilita a adquisición das destrezas orais e escrita na lingua propia desta comunidade autónoma.

O TSXG lembra que a xurisprudencia do Tribunal Constitucional (que forma parte do marco constitucional) en relación ás linguas no ensino, establece por unha banda a inexistencia dun dereito de liberdade de elección de lingua que se derive do dereito á educación, e por outra banda, a responsabilidade da administración educativa de determinar como conseguir o obxectivo de igual competencia nas dúas linguas oficiais. É a Xunta de Galicia, e non as familias, a que ten a obriga de avaliar a situación do galego e o castelán na sociedade e o nivel de competencia lingüística dos nenos e nenas e, froito desa valoración, tomar as decisións que procedan para corrixir os desequilibrios que se manifesten.

Modelos e proporcións lingüísticas

Neste senso, o TSXG asegura que o modelo elixido pola Xunta para garantir a cooficialidade do galego e do español constitúe unha das opcións legalmente posibles dentro do modelo de bilingüismo que instaura o Estatuto, pero que, en calquera caso, máis aló de número ou tipo de materias, porcentaxes, etc., o galego debe ter un trato diferenciado sobre o castelán nunha proporción razoable, toda a que sexa necesaria para conseguir o obxectivo de igual competencia, mesmo o modelo de inmersión.

Por iso mesmo, o TSXG non anula a distribución concreta de materias que fai o Decreto e que mantén oficialmente afastado o galego das ciencias (Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química): porque lle corresponde á administración educativa, e non aos xuíces. Segundo o Tribunal, esa distribución non pode realizarse de xeito arbitrario, senón en función dos proxectos lingüísticos dos centros e da realización anual de avaliacións dos resultados competenciais por parte da propia Xunta.

Tirón de orellas de Europa

O Comité de Ministros do Consello de Europa aprobou en novembro de 2012 as recomendacións a España do Comité de Expertos, con gallo do terceiro seguimento do cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, nos que analiza a situación dos idiomas cooficiais no Estado. Cómpre lembrar que España asinou o máximo nivel de protección para o galego, entre as opcións que a Carta ofrece aos países asinantes.

Así como no segundo seguimento se salientara o avance experimentado coa rede de galescolas e os cambios derivados da aplicación do Plan Xeral de Normalización, o comité expresa agora a súa preocupación "pola redución progresiva do ensino en galego en todos os niveis e da súa estrutura de apoio". Malia que o cumprimento da Carta non esixe a educación obrigatoria en galego en todas as escolas, o Comité lémbralle á Xunta que debería haber “un número  suficiente de colexios que ensinen todo ou en parte en galego para o alumnado cuxos pais así o desexen”.

O comité de expertos invita ás autoridades a tomaren medidas para vixiar que a introdución do modelo trilingüe obrigatorio non teña un impacto desproporcionado no ensino en galego. Precisamente, o Comité considera que se está a incumprir unha das cláusulas asinadas na carta: a de ”crear órganos de control encargados de facer o seguimento das medidas adoptadas e dos progresos realizados” do ensino do galego, e de “elaborar informes periódicos públicos”, polo que insta á Xunta de Galicia a  fornecer datos para o próximo informe.





 

Venres, 21 de decembro de 2012