Novas recentes

Parellas, Parelles... Parellaes: Aprender galego e catalán en parella

PARELLÆS é un programa académico de intercambio lingüístico e cultural galegocatalán entre alumnos da Universidade de Santiago de Compostela que falen galego ou catalán e desexen aprender, practicar ou mellorar a outra lingua.

En principio o programa vai destinado, dunha banda, ao alumnado da USC que cursa ou cursou estudos de catalán, e doutra, ao alumnado orixinario do ámbito lingüístico catalán que actualmente estuda na USC (programa SICUE); deste xeito, o primeiro poderá mellorar e ampliar os seus coñecementos de catalán, ao tempo que o alumnado catalán poderá aprender galego. Non obstante, o programa está aberto para todas aquelas persoas  que teñan interese polo contacto entre estas dúas linguas e culturas.

Despois dunha primeira reunión de presentación e formación, a Área de Catalán do Departamento de Filoloxía Galega da USC asignarache unha persoa coa que terás que compartir un mínimo de 10 sesións de intercambio até o final de curso. Con ela non só poderás afondar na lingua e cultura allea, senón tamén valorizar a propia e coñecer de primeira man a situación sociolingüística de cada unha en tanto que linguas minorizadas do Estado. Ademais, como membro do programa Parellæs, tamén participarás das distintas actividades culturais que propoñen a Área de Catalán ou ben os propios participantes.

Só tes que mandar a <estudiscatalans.usc@gmail.com> a información requirida na ficha de inscrición e poñeranse en contacto contigo para que coñezas a túa parella,  te poidas matricular no programa (10€). A continuación na actividade darache dereito a unha certificación; está solicitado un crédito optativo para todos os graos da USC. A partir dese momento, xa poderás comezar o teu intercambio onde e como queiras: tomando un café, paseando pola cidade, mercando na praza, indo ao cinema, de festa ou de sendeirismo. Iso si: falando, conversando, parrafeando, parolando...

Xoves, 20 de decembro de 2012