Novas recentes

Cursos e xornadas para o alumnado de Dereito e Ciencias da Educación

Falar ao dereito

Os futuros profesionais do dereito deben desenvolver as súas habilidades comunicativas orais e iniciarse na natureza, instrumentos, límites e fins da argumentación xurídica. A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito quere, co obradoiro «Falar ao dereito», ligar esta mellora nas habilidades dos estudantes desta titulación coa utilización da lingua galega, polo que forma parte do plan de actuacións de normalización do centro «Témoslle lei». Daquela, a lingua instrumental do obradoiro (material, desenvolvemento das actividades polo alumnado, traballos, etc.) será o galego.

Superar o medo a falar en público, a comunicación alén da oralidade, a escoita activa, a asertividade... centrarán a primeira parte do Obradoiro, impartido por Concha Diéguez, de Reverso Comunicación. A segunda parte, da man do avogado Héctor López de Castro, centrarase na argumentación xurídica: natureza, composición de argumentos, hermenéutica, etc.  E todo o curso será eminentemente práctico, mediante a análise das actuacións comunicativas propias, do resto do grupo e de situacións reais tiradas dos medios de comunicación; mediante audicións, visionados e gravacións; e mediante o debate entre grupos de temas propostos.

O obradoiro que se desenvolve do 5 de outubro ao 7 de novembro xa ten as súas 20 prazas cubertas, mais dado o interese suscitado, a CNL e o SNL decidiron facer un segundo grupo, que se desenvolverá os luns e mércores do 26 de novembro ao 19 de decembro no mesmo horario (de 18 a 20:30 h). A matrícula poderase facer ata o 21 de novembro a través do web do SNL.

Recursos educativos na formación profesional

Pola súa banda, a CNL de Ciencias da Educación convoca as IV Xornadas de Recursos Educativos en Galego, que desta volta se dedican aos recursos no nivel da formación profesional. Con este foro preténdese que o alumnado da Facultade tome conciencia sobre a importancia dos recursos educativos na práctica docente e coñecer de primeira man os materiais existentes no noso idioma para o seu futuro profesional. Ademais, búscase que adquiran criterios non só á hora de escolmar e utilizar estas ferramentas, senón tamén para personalizalos e mesmo crear recursos novos.

Para iso contarase con conferencias, obradoiros e experiencias coa presenza de profesionais do sector

As xornadas desenvolveranse o venres 16 e o sábado 17 de novembro no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación, na súa sede do Campus Vida. O prazo de matrícula para as 200 prazas dispoñibles remata o día 12 e só cómpre inscribirse a través do enderezo <http://goo.gl/D7LSm>.




 

Mércores, 31 de outubro de 2012