Novas recentes

www.usc.gal

Galicia presentou en tempo e forma diante da ICANN, a entidade internacional que asigna os enderezos de Internet, unha proposta para contarmos cun dominio propio para a nosa lingua e cultura no ciberespazo a través da asociación PuntoGal. De conseguilo (saberémolo en 2013), a nosa universidade, que apoia a proposta, podería ter un novo enderezo en Internet: <www.usc.gal>

Na actualidade debemos escribir na barra de enderezos do noso navegador <www.usc.es>, <www.realacademiagalega.org>, <www.trasno.net> ou <www.mundo-r.com> para podermos acceder a eses sitios do ciberespazo. A proposta dun dominio galego propio en Internet permitiríanos mudar eses sufixos (.es, .org, .net, .com) nun .gal, que identificaría contidos elaborados cando menos parcialmente na nosa lingua e que amosan a nosa cultura ao mundo, a xeito dunha marca propia coa que facernos máis visibles dentro deste espazo de comunicación global.

imx-cab01PuntoGal leva traballando dende 2006 para poder solicitar un dominio galego propio de primeiro nivel que identifique a lingua e cultura galegas.  A asociación contaba con dispoñermos de dominio propio nun período breve de tempo, dous ou tres anos, mais hai sete que a ICANN, o organismo internacional competente na asignación dos dominios, non abría unha nova convocatoria. Neste tempo PuntoGal  traballou no longo e custoso proceso técnico de cumprir os requisitos. En primeiro lugar, explicando o proxecto para conseguir o apoio de máis de doce mil persoas e dun cento de entidades como  universidades (incluída a USC), organismos culturais, administracións públicas, empresas, partidos políticos, centros galegos no exterior e os dous gobernos galegos habidos dende 2006. Este apoio unánime político e social, así como o nihil obstat por parte do goberno español (que tamén está conseguido) é vital para que a ICANN (Internet Corporation for Assigned Names and Numbers) aprobe a  iniciativa, do mesmo xeito que fixo hai cinco anos co dominio .cat para Cataluña, aínda que dúas de cada tres candidaturas son rexeitadas.

En abril de 2012 PuntoGal puido, por fin, unha vez aberta a convocatoria, rematar os seus deberes e presentar oficialmente a candidatura do .gal. Será en 2013 cando saibamos se o ICANN recoñece un dominio propio para a lingua e a cultura galegas.

Para que, o .gal?

A quen lle poida sorprender que unha lingua coma a nosa aspire a ter un dominio en Internet que a identifique, debería ter en conta que a comunidade galega no mundo conta con máis de 4 millóns de persoas e que o galego ocupa o posto 37 por páxinas en Internet. Non é mal posto, tendo en conta que no mundo se falan unhas 5000 linguas.

Segundo Manuel González, presidente de PuntoGal, conseguirmos un dominio galego sería un fito decisivo para a historia de Galicia. A proposta non só resulta tecnicamente viable, senón económica, social, lingüística e culturalmente rendible. Recoñecería a nivel internacional a existencia dunha comunidade chamada Galicia, melloraría a nosa autoestima colectiva, reforzaría a cohesión cos galegos e galegas da emigración.

Tamén produciría efectos económicos, pois os beneficios da contratación de dominios .gal ficarían en Galicia, e existe o compromiso de reinvestilos nas TIC en Galicia. E daría voz propia ao noso país na gobernanza de Internet.

Por último, e non menos importante, axudaría a facer máis visibles e localizables os contidos elaborados en galego, facilitándolle a tarefa de atopar e ordenar información aos grandes buscadores. Deste xeito, nas buscas avanzadas de, por exemplo, Google, poderiamos escoller para limitar resultados o galego.

Xoves, 31 de maio de 2012