Novas recentes

Os idiomas nos TFG e nos TFM

Aínda que foi en 2010 cando se defenderon os primeiros TFG e TFM, é 2011 o primeiro ano de que temos datos lingüísticos en relación a estes traballos, a través da aplicación de xestión académica, XesCampus, aínda que de xeito incompleto.

Traballos de fin de grao

O pasado ano defendéronse 142 traballos de fin de grao, mais só contamos con datos de 136 deles, que corresponden aos graos en:

  • Ciencia Política e da Administración
  • Economía
  • Educación Social
  • Enxeñaría Informática
  • Física
  • Matemáticas
  • Mestre ou Mestra de Educación Infantil
  • Mestre ou Mestra de Educación Primaria
  • Relacións Laborais e Recursos Humanos

tfg

 

Case nun terzo deles os estudantes optaron por realizalos en galego, aínda que os nove TFG de Física e Matemáticas presentáronse exclusivamente en castelán. Nas restantes titulacións, en que o uso do galego na docencia nos graos no pasado curso foi superior ao 25%, o uso do castelán é superior ou parello ao do galego, agás no grao en Economía; neste caso os TFG en galego superan os realizados en castelán (16 e 11, respectivamente), se cadra pola existencia de modelos de traballos de fin de grao no noso idioma, que facilitan a súa redacción. En Enxeñaría Informática, onde tamén se forneceu un modelo, o resultado non sendo tan favorable ao galego é tamén moi bo: 11 TFG en galego e 16 en castelán.

Traballos de fin de master

En 2011 defendéronse 1.056 traballos de fin de mestrado, e contamo con datos lingüísticos de 1.047. O panorama é algo máis variado que no caso dos traballos que lle poñen ramo aos graos, como reflcite a gráfica.

tfm
O castelán segue sendo a lingua predominante, mais o galego está presente no 41% dos TFM; ademais utilízase outras linguas, como o inglés, o portugués e, en menor medida, italiano, catalán, checo ou francés. Resulta rechamante que existan diferenzas nos datos analizados entre a lingua en que se redactan os TFM e a lingua en que se len: na defensa, a diversidade lingüística mingua e por exemplo, dos 22 traballos escritos en inglés, só 7 foron lidos nesta lingua, ou do 392 en galego só 369 pasaron á oralidade.

A metade dos 22 TFM en inglés correspóndenlle ao Máster Universitario en Estudos Ingleses. Polo que respecta ao uso do galego, destacan os 88 TFM do Mástear en Profesorado (fronte a 56 en castelán), os 42 traballos do Máster Universitario en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental (fronte a só 3 en castelán), os 21 de Dirección de Proxectos e 18 de Xestión Sustentable da Terra e do Territorio. En dous casos poderiamos relacionar o éxito do galego coa utilización como lingua vehicular na docencia do máster (Secundaria, co 74,87%, e Dirección de Proxectos, co 80,86%), aínda que descoñecemos con que outros factores se podería asociar.


 

 

 

Mércores, 29 de febreiro de 2012