Novas recentes

Un estímulo para elaborar en galego TFM e teses de doutoramento

Dende 1994 a USC ofrece un programa de axudas á utilización do galego a diversos traballos que se foi actualizando en función da adaptación dos estudos aos requisitos de Boloña. Na actualidade, cínguese a traballos de fin de máster e teses de doutoramento, así como memorias de licenciatura e  traballos de investigación tutelados (TIT). Dende aquela, 1175 estudantes e investigadores solicitaron estas axudas na USC, contribuíndo deste xeito a estender o galego na investigación.

Lembremos que as axudas consistiron na convocatoria pasada en asesoramento lingüístico-terminolóxico e en subvencións directas que van desde os 150 euros para os traballos de fin de máster ata os 400 euros no caso das teses de doutoramento.

No pasado ano 2011 a USC concedeu subvencións para os gastos de publicación de 39 traballos realizados en galego. En concreto, beneficiáronse desta liña de incentivos á utilización da nosa lingua os autores/as de 11 teses, 23 traballos de fin de mestrado, 4 memorias de licenciatura e 1 traballo de investigación tutelados (TIT).

Malia os doutorandos e doutorandas contaren con axudas que incentivan o uso do galego por parte da USC, o certo é que só 11 das 30 teses defendidas na nosa lingua en 2011 solicitaron as subvencións de ata 400 euros ou o correspondente asesoramento lingüístico e terminolóxico. O mesmo cabe dicir das axudas a outros traballos a que poden optar os autores e autoras que os redacten en galego.

 

impacto

Mércores, 29 de febreiro de 2012