Novas recentes

Premios para TFG, proxectos de fin de carreria e traballos académicos en galego

Un curso máis están en marcha os Premios á calidade e excelencia lingüística que as comisións de normalización lingüística, co apoio do Servizo de Normalización da USC, convocan co fin de estimular o uso do galego nos traballos académicos do alumnado ligado ao fomento da calidade á hora de presentalos.

En efecto, se redactas un traballo académico (incluídos os TAD), un traballo de fin de grao ou un proxecto de fin de carreira na nosa lingua, que reflicta con suficiencia os coñecementos específicos adquiridos nas aulas a xuízo do docente, cunha boa presentación,unha boa estrutura de contidos, unha redacción clara e con corrección lingüística, podes optar a estes premios.

Como na pasada edición os alumnos/as poderán participar a través das dúas modalidades que se especifican nas bases do concurso. Na primeira modalidade, haberá premios para os traballos académicos de todo este curso (incluídos os TAD), consistentes en 150 (1º premio) e 100 euros (2º premio) por centro e diploma acreditativo. A maiores, e en caso de ser seleccionado como o mellor dos traballos de entre os elixidos nas facultades -premio á excelencia-, outorgaranse 150 euros e o correspondente certificado.

Na segunda modalidade poderanse presentar os traballos de fin de grao ou proxectos de fin de carreira. Os gañadores e gañadoras de cada titulación recibirán un premio de 300 euros e o diploma correspondente. Do mesmo xeito que ocorría na outra modalidade tamén aquí haberá un premio á excelencia para o mellor de todos os traballos seleccionados en cada titulación que desta vez consiste noutros 300 euros.

Ano a ano é cada vez maior o número de centros que se suman a esta proposta para fomentar unha cultura de calidade ligada ao galego entre o estudantado. Desta volta son dezaseis os centros convocantes, a través das súas comisións de normalización lingüística, pois engadiuse tamén a Facultade de Matemáticas.

Os traballos pódense presentar ata o 23 de setembro de 2012. No web do SNL, ademais de coñecer polo miúdo as características e bases deste concurso tamén poderás atopar os proxectos premiados en anos anteriores así como diferentes documentos e ferramentas de apoio que che serán útiles á hora de elaborares o teu traballo: vocabularios específicos, guías de estilo, correctores ortográficos ou modelos para os traballos de fin de grao.
 

Martes, 28 de febreiro de 2012