Novas recentes

Galego, 27; castelán, 69

No que se refire ao uso dos idiomas na docencia da USC neste curso 2011-2012, o dato máis salientable é que o castelán é a lingua en que se imparten case o 70% das horas de clase. O galego vehicula case o 27%, o inglés o 1,83% e as restantes linguas (francés, portugués, italiano, alemán) non chegan ao 2%.

Tales datos despréndense da información sobre as planificacións docentes consignada polos departamentos en XesCampus, a aplicación de xestión académica da USC, e refírense a un total de 509.795,43 horas de clase impartidas na USC.

Son os mestrados o tipo de titulacións en que galego e castelán están máis igualados  (vid. gráfica 2): en castelán impártase algo case a metade da docencia (o 49,35%) e séguelle de moi preto o galego, co 47,91%. Pola súa banda, o inglés chega neste tipo de titulacións ao 1,31%.

A utilización do galego nas titulacións adaptadas ao EEES, os graos, redúcese a case a metade en relación aos mestrados, un 25,43% e baixa ata un 18,97% no caso das vellas licenciaturas e diplomaturas.

É nos graos onde o inglés alcanza o seu maior índice de uso (2,42%), seguido das titulacións de 1º e 2º ciclos (1,44%) e os mestrados (1,31%).

Graos e titulacións de 1º e 2º ciclo

Agrupamos as titulacións de grao, adaptadas a Boloña, e as licenciaturas e diplomaturas (en proceso de extinción), co obxectivo tanto de contarmos cunha serie de datos coherentes, dado que constitúen a primeira formación que se recibe na USC (polo plan vello ou por Boloña), como de debullar posibles diferenzas.

Das 107 titulacións de grao ou de 1º e 2º ciclo que se están a impartir actualmente na USC, 7 ignoran totalmente o uso do galego: cinco relacionadas con idiomas; as restantes, relacionadas con Ciencias da Saúde. Hai 19 titulacións que non chegan ao 10% de docencia en galego, de todas as áreas científicas: as nove de ciencias da saúde agás Veterinaria, Historia da Arte, Bioloxía, Química, Mestre na especialidade en educación musical, dúas especialidades de Enxeñaría Técnica Agrícola...

Entre un 10% e un 25% de galego nas horas docentes presentan 26 titulacións de todas as áreas de coñecemento, tales como Dereito, Políticas, Veterinaria, Psicoloxía, Física, Química,  Enxeñaría Informática, Obras Públicas, Enxeñaría Química, Grao en Lingua e Literatura Españolas...

Outras 29 titulacións imparten entre o 25 e 50% da súa docencia en galego: Matemáticas, Administración e Dirección de Empresas, Economía, Enxeñaría de Montes, Enxeñaría Agrícola, Xeografía, Filosofía...

As titulacións que superan o 50% de horas docentes en galego son 26, das áreas de Humanidades e Ciencias Sociais (a maioría das titulacións de mestre/a, Pedagoxía, Educación Social, Comunicación Audiovisual, Xornalismo, Filoloxía Galega,) mais tamén algunhas técnicas como Enxeñaría Agrónoma, ET Forestal.

O uso doutras linguas non oficiais na USC é anecdótico, sacadas as titulacións de  Filoloxía, de Humanidades e as de mestre/a. Nos restantes casos, asóciase en xeral a materias de idioma estranxeiro técnico e, en menos ocasións, a materias optativas impartidas neles.

As diferenzas no uso dos idiomas entre os graos e as diplomaturas ou licenciaturas que os preceden non son significativas en xeral. Unha das titulacións máis coherentes é a de Políticas, con só 13 décimas de diferenza no uso do galego entre os ous plans; deixando de lado as enxeñarías, pois os datos son máis dificilmente homologables, só en oito titulacións hai diferenzas de 10 ou máis puntos entre o plan vello e o novo. Se en cursos anteriores o maior uso do galego se asociaba máis ben aos graos, neste a tendencia muda:

  • Historia da Arte: licenciatura 2,93% e grao, 14,93%
  • Bioloxía: licenciatura 3,72% e grao, 13,07%
  • Filoloxía Clásica: licenciatura 15,05% e grao 5%
  • Veterinaria: licenciatura 33,51% e grao 13,76%
  • Física: licenciatura 28,58% e grao 17,92%
  • Administración e dirección de empresas: licenciatura 18,40% e grao 33,02%
  • Historia: licenciatura 56,35% e grao 38,30%
  • Xeografía: licenciatura 47,63% e grao 57,90%

Mestrados

Lembremos que a media de uso do galego nos mestrados é do 47,91%. Cómpre advertir que nos datos fornecidos cóntase as horas imputadas aos traballos de fin de máster nalgún caso, como no Máster en Profesorado de Santiago, cando en realidade non hai aulas de ningún tipo, senón dirección por parte do profesor do traballo do alumno/a.

Dos 79 máster que se están a impartir no curso 2011-2012, once empregan o galego en máis da metade das súas horas de clases e só oito non o utilizan en absoluto.

A priori son os mestrados as titulacións que teoricamente mellor se adaptan á introdución doutras linguas, especialmente os de perfil investigador. Porén son dez fabas contadas (Biotecnoloxía, Dirección de empresas) os mestrados que contan con materias impartidas en inglés e que non están dalgún xeito relacionados coas linguas, como o máster universitario en Formación de Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Linguas que se imparte en Lugo. Escasos son tamén os que ofertan a materia de inglés técnico (Industria e Economía Leiteira). Menor aínda é o número de mestrados en que se usan outros idiomas, sempre ligados dalgún xeito ao ensino de linguas, agás de novo o de Industria e Economía Leiteira. O máster máis plurilingüe é o de Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura, que se imparte en sete idiomas.

 

Martes, 31 de xaneiro de 2012