Novas recentes

Linguas, departamentos e categorías de PDI

Neste curso 2010-2011 xa só cinco departamentos sobrancean por non impartiren nin unha soa hora docente en lingua galega. Agás o caso explicable de Filoloxía Inglesa e Alemá, o resto son departamentos de Ciencias da Saúde (Obstetricia, Dermatoloxía e Otorrinolaringoloxía, Estomatoloxía) e de Ciencias (Fisioloxía Vexetal), xa verdadeiros clásicos, pero que teñen un grande impacto polo número de estudantes a que afecta esta disfunción.

Hai representantes de todas as áreas (Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais, Ensinanzas Técnicas e Humanidades) nos tres tramos seguintes: ata o 10% de docencia en galego (23 departamentos), entre o 10 e o 25% (17 departamentos), e entre o 25 e o 50% (17 departamentos). Porén entre os 14 departamentos que imparten máis da metade das súas horas docentes en galego o perfil predominante é o de Humanidades e Ciencias Sociais, agás Ciencias Clínicas Veterinarias. Deixando aparte o dato referido a un departamento externo, lidera o ensino na nosa lingua Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social, co 99,80%.

Pola súa banda, os profesores/as titulares de universidade -a categoría maioritaria na USC- imparten en galego o 30,43% da docencia que lles corresponde. A seguinte categoría por número de efectivos é o conxunto de tipoloxías de profesorado asociado, axudante e interino, que imparte en galego unha media do 51,07% das súas horas. Os catedráticos e catedráticas universitarios rebaixan esa media ata o 21,67%, e os de escola universitaria volven subila ata o 45,97%. O uso da lingua do país entre o restante PDI e o profesorado en formación, cun número moito máis reducido, pero fundamental para o futuro do galego na docencia, vai dende o 0 ao 52%.
 

Martes, 31 de xaneiro de 2012