Novas recentes

Volvemos ao rego?

A USC conta con datos sobre o uso dos idiomas desde o curso 2003-2004, o que nos permite ofrecer unha panorámica bastante razoable da súa evolución ao longo de xa nove cursos académicos, baseada nas planificacións docentes que se consignan en XesCampus e que se reflicten como datos públicos nas páxinas web das diversas titulacións, nas informacións relativas a cada materia e a cada grupo: profesorado, horario, contidos, programas, competencias, bibliografía, idiomas...

Os datos semellan cada curso máis fiables, grazas ás precaucións que se foron adoptando e que impiden que, por exemplo, se escolla unha lingua non oficial da USC na aplicación XesCampus se non está autorizada oficialmente a impartición da materia nese idioma. Por suposto, na introdución de información pode haber erros máis ou menos involuntarios, que explican algúns picos rechamantes pero que non mudan as grandes tendencias; pensemos que as porcentaxes están calculadas sobre as case 510.000 horas de docencia impartidas na Universidade.

Se atendemos á evolución do uso das linguas na primeira formación universitaria (graos, licenciaturas e diplomaturas), o primeiro resultado que cómpre salientar é a mingua do galego con respecto aos tres cursos pasados, en que a irrupción dos graos chegou a empoleirar o seu uso ata o 28,75% nas titulacións de grao e 1º e 2º ciclo en 2011-2012. Neste curso o dato comparable é de 22,20%, unha descenso de algo máis de seis puntos na utilización da nosa lingua. En paralelo, o castelán rectifica levemente o perfil da súa curva descendente. Os restantes idiomas, sacados os datos dos dous primeiros cursos, amosan pequenas variantes nun intervalo de só 4 puntos.

Se atendemos á tipoloxía de titulacións que reflicte a gráfica 3, observamos que se mantén a maior galeguización das novas titulacións fronte ás licenciaturas e diplomaturas. Porén, o excelente dato para o galego nos graos no curso 2009-2010 (32,11%) foi rechumíndose nos dous cursos seguintes, o que sen dúbida ha ter moito que ver coa implantación xa case total das novas titulacións adaptadas a Boloña: á medida que os graos se normalizan na USC, a utilización dos idiomas irase acomodando aos usos lingüísticos maioritarios.

Pola contra, se xa curioso é o elevado uso do galego nos mestrados, en relación ás restantes titulacións, máis resulta a suba por terceiro curso consecutivo do seu índice: en total, máis de 20 puntos (vid. de novo a gráfica 3). Como xa indicamos, nos datos fornecidos cóntase as horas imputadas aos traballos de fin de máster nalgún caso, como no Máster en Formación do Profesorado de Santiago, cando en realidade non hai aulas de ningún tipo, senón dirección por parte do profesor do traballo do alumno/a, e trátase dunha titulación con moita matrícula e, daquela, con moito profesorado.

Probablemente nos dous vindeiros cursos, unha vez que as diplomaturas e licenciaturas se vaian extinguindo e se vaian afortalando os graos, asistiremos a novos reaxustamentos e entremos nunha fase de estabilización arredor do 20% de docencia en galego, algo que convén valorarmos tendo en conta as tendencias lingüísticas na sociedade actual da nosa contorna.

Por titulacións, albíscase unha situación –loxicamente- bastante estable, con pequenas variacións. En xeral, as titulacións que máis docencia en galego ofrecen tenden a aumentar levemente. As titulacións relacionadas con Ciencias da Saúde (Odontoloxía, Medicina, Farmacia, Enfermaría), que posúen un número moi elevado de alumnas e alumnos, reiteran as baixas posicións na táboa ano tras ano. A utilización de cores no documento, que clasifican as titulacións segundo tramos de uso do galego, permite percibir doadamente as mudanzas, en xeral congruentes e comprensibles (por organización da docencia, por cambios de profesorado, por cambios de criterio...), aínda que algunhas resulten difíciles de entender.

Finalmente, por departamentos tamén se reflicte a maior galeguización da docencia. Percíbese, por unha banda, a progresiva diminución ao longo destes nove últimos cursos dos departamentos con absoluta –ou case- falta de docencia en galego; así, por exemplo, dos 19 departamentos que ignoraban totalmente o noso idioma nas aulas, pasamos agora a só cinco (iso si, moi teimudos neste aspecto). Prodúcense oscilacións, maioritariamente na «zona central», é dicir, entre os departamentos que imparten entre o 10 e o 50% da docencia en galego. En xeral unha vez superada a media de uso da USC, o uso do galego tende a aumentar (canto máis galego, máis galego), e no tramo anterior é máis estable, malia os pequenos picos.

Luns, 30 de xaneiro de 2012