Novas recentes

«O alumnado valora moitísimo o esforzo para proporcionarlles material docente de calidade e acceder a el de maneira sinxela»

Alberto Castro Ponte é un profesor novo, que imparte docencia na Escola Politécnica Superior, no grao de Enxeñaría Civil. Fai un ano apuntouse ao Obradoiro de elaboración de unidades didácticas para o PDI. A súa foi unha das 24 unidades didácticas presentadas o pasado 25 de novembro, a terceira que leva publicado neste ano.

Vas xa pola túa terceira unidade didáctica neste ano, para a materia «Deseño e construción de obras lineais», dentro do grao en Enxeñaría Civil. A que se debe tanto traballo?
Débese a que considero que o emprego de unidades didácticas na educación universitaria pode contribuír moitísimo á renovación e mellora das actividades docentes, e que será de gran utilidade para os alumnos das materias dos novos graos, xa que poder contar con materiais didácticos de tanta calidade é un verdadeiro luxo. É certo que hai que investir bastante tempo na súa elaboración, pero creo que o esforzo merece a pena, pois o resultado do traballo é valiosísimo para os alumnos e para os profesores, que teñen unha oportunidade magnífica de publicaren material docente de calidade en galego. Pódese dicir claramente que todo son vantaxes.   

Resulta complicado elaborar unha unidade didáctica?
Eu diría que non. A primeira vez pode requirir un pouco máis de esforzo, xa que é preciso adquirir unha serie de coñecementos e destrezas a moitos niveis, pero grazas ao gran traballo de formación que fai o profesorado do Obradoiro de unidades didácticas e ao seu asesoramento durante o proceso de elaboración e publicación, convértese nunha tarefa nada complicada. Ademais, o tempo investido en formación no obradoiro e a propia experiencia de elaboración da primeira unidade didáctica permite que as seguintes unidades vaian saíndo dun xeito moito máis sinxelo cun esforzo moito menor.          

En que consiste o proxecto arredor da elaboración e publicación de unidades didácticas? Tíñalo claro antes de inscribirte? Que che parece?
Consiste na creación de material didáctico de calidade en galego a partir do cal vertebrar a actividade docente nas materias das distintas titulacións da USC, fomentando o seu emprego na Educación Superior. Paréceme unha iniciativa moi acertada por moitas das razóns xa comentadas anteriormente, e espero que se consolide nos vindeiros anos. Hai que agradecerlle ao Servizo de Normalización Lingüística, ao Servizo de Publicacións da USC e ao Programa de Formación e Innovación Docente que fixeran posible esta realidade e espero que sigan apostando por este proxecto no futuro.

Que te motivou a apuntarte ao «Obradoiro de elaboración de unidades didácticas en galego»? A curiosidade, a túa ansia de mellorar como docente, a posibilidade de publicar, a necesidade de facer méritos para a túa carreira docente...?
Cando tiven a oportunidade de comezar a facer cursos de formación e innovación docente empecei a informarme sobre cales serían os mais axeitados para as miñas expectativas de formación. Un compañeiro faloume moi ben do obradoiro e amosoume a unidade didáctica que tiña feita. Quedei moi sorprendido pola calidade da publicación e decateime de todo o que podería achegar ao proceso de aprendizaxe do meu alumnado, a miña formación e carreira como docente, etc. Nese momento decidín facer o Obradoiro canto antes e apunteime na seguinte edición.      

Estás a utilizar cos teus alumnos e alumnas as unidades didácticas? Como o fas? Que opinión lles merece este material docente?
As unidades que teño feitas están pensadas para unha materia do grao en Enxeñaría Civil que comeza a impartirse no segundo semestre deste curso académico, pero xa comecei a empregalas o curso pasado na materia correspondente da antiga titulación de Enxeñería Técnica de Obras Públicas. Por falta de coincidencia temporal entre a publicación das unidades e o desenvolvemento dos contidos da materia, non as puiden empregar como eu quixera, xa que a miña idea é que sexan a base a partir da cal se organicen as demais actividades docentes. Por iso estou investindo tanto tempo na súa elaboración, porque quero dispoñer das unidades correspondentes aos dez temas da materia canto antes. En relación coa opinión do alumnado, podo dicir que está encantado coas unidades, xa que valoran moitísimo o esforzo que se fai para proporcionarlles material docente de calidade, e son conscientes do privilexiados que son por poder acceder a elas dunha forma tan sinxela a través da páxina web do Servizo de Normalización Lingüística.     

Dúas das túas unidades fixéchelas en colaboración con outros profesores. É unha boa experiencia? Para que serve? Pensas que sería bo que outros docentes puidesen utilizar ou recomendar unha unidade didáctica realizada por ti?
Sen dúbida é unha boa experiencia, xa que favorece unha mellor coordinación da actividade docente dentro da propia materia e tamén entre varias materias, o que incide claramente na calidade docente. Por non falar da oportunidade que supón poder traballar nun proxecto común con outros docentes da USC e coñecer mellor aos meus compañeiros. De feito, eu teño unha unidade didáctica elaborada en colaboración co profesor Carlos Núñez, pertencente a unha área de coñecemento distinta da miña, e a experiencia foi de grande utilidade para nós, xa que nos permitiu mellora-la organización dos contidos das nosas materias e optimiza-lo noso tempo e o dos alumnos. Pola miña parte, espero seguir coas colaboracións que teño na actualidade e promover novos traballos en conxunto con outros profesores de áreas afíns.

Para min, sería estupendo que outros profesores empregasen ou recomendasen as miñas unidades, xa que lle daría unha gran difusión á colección de unidades didácticas e se coñecería e valoraría o traballo que se está a realizar neste proxecto. Tamén estaría moi ben que os propios profesionais do sector ou sectores afíns as empregasen como apoio á súa actividade.        

Faceres esta publicación en galego, serviuche para mellorar a calidade da lingua que utilizas? Que che parece que a USC incentive este tipo de materiais na nosa lingua?
Claro que si, notei unha importante melloría tanto na comunicación por escrito coma na fala. O certo é que tiña bastantes carencias relacionadas co emprego do galego, debido a que a miña educación se baseou no uso do castelán. Penso que a miña asistencia ao Obradoiro serviu en gran medida para corrixir gran parte delas. Paréceme moi ben, penso que é preciso que se fomente a creación de materiais docentes de calidade en galego para que ocupe o espazo que merece na Educación Superior.    

Que che parecer ter unha publicación para apoiar a aprendizaxe do teu alumnado na nosa lingua?
Creo que está moi ben, os esforzos orientados cara á renovación das metodoloxías de ensinanza e aprendizaxe dos nosos alumnos, nun momento onde se está a producir unha transformación considerable da Educación Superior, deben ser benvidos. E se ademais se aproveita o camiño para fomenta-lo emprego da lingua galega como medio de transmisión do coñecemento, perfecto.      

Xa hai 84 unidades didácticas de todas as áreas de coñecemento. Como animarías a outros compañeiros e compañeiras docentes a apuntárense ao vindeiro Obradoiro?
Penso que o camiño é amosar e darlle publicidade ao resultado do traballo feito durante estes anos por tantos compañeiros da USC. Cando ven as unidades didácticas entenden inmediatamente o seu potencial e quedan gratamente sorprendidos, xa que moitos descoñecían a súa existencia. Os profesores da Escola Politécnica Superior que xa fixemos o Obradoiro en anteriores edicións estamos a lanzar unha campaña entre os nosos compañeiros para que se animen a apuntarse ás vindeiras edicións. De feito, moitos están esperando a que se convoque novamente no Campus de Lugo para poder facelo.  

E como animarías as persoas que xa o realizaron a que persistan no seu proxecto docente de elaboración de unidades para unha materia?
Diríalles simplemente que non desaproveiten a oportunidade que se nos ofrece de seguir facendo unidades didácticas, xa que sería unha mágoa deixa-lo traballo a medias. Intentaría facerlles ver que poder dispoñer de unidades docentes para cada un dos temas dunha materia pode mellorar moitísimo a calidade da docencia, facilitando a aprendizaxe e a autonomía dos alumnos, etc.     

Hai algún aspecto que desexes salientar por positivo desta experiencia? E algo mellorable?
Pois é bastante difícil, se cadra o aspecto persoal da experiencia, a posibilidade de coñecer a outros compañeiros da USC e poder traballar e colaborar con eles neste e noutros proxectos. No tocante a posibles melloras, penso que sería moi interesante poder dispoñer das unidades didácticas noutros formatos máis novidosos.

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Luns, 05 de decembro de 2011