Novas recentes

Explícoche Matemáticas 2.0

«Explícoche Matemáticas 2.0» é un concurso dirixido a todo o alumnado da Facultade de Matemáticas da USC, no marco da celebración do Día da Ciencia en Galego 2011 e do Mes da Ciencia 2011, que organiza a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas.

O obxectivo do concurso é promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas, así como a creatividade do alumnado, a través da realización de curtametraxes de 2 minutos de duración en que se explique en galego un concepto matemático a través da súa definición, da idea intuitiva, dunha aplicación... Os participantes poderán utilizar calquera recurso multimedia, audiovisual ou artístico para a realización da curtametraxe para explicar conceptos como o quinto postulado da xeometría euclidiana ou o axioma do infinito.

Os vídeos presentaranse ata o 7 de febreiro de 2012 en formato .avi ou .mov, e deben ser realizados integramente polos participantes, inéditos e orixinais. Os/as autores/as do vídeo premiado recibirán un iPod touch.

A Facultade de Matemáticas pretende facer públicos os traballos presentados a través da súa páxina web, achegando así ao público en xeral, e, por suposto, á comunidade educativa galega un material didáctico de calidade na nosa lingua.

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Martes, 29 de novembro de 2011