Novas recentes

Quen gañou o «Luísa Villalta»?

«O galego constrúe. Constrúe o galego» é o lema da proposta gañadora na categoría de campañas de normalización, e daquela resulta merecente dos 3000 euros con que está dotado o premio nesta modalidade. A campaña, ideada por Luís Suárez López, da Universidade da Coruña, pretende fomentar a relación entre as titulacións relacionadas coa Enxeñaría Naval que a UDC imparte nos Campus de Ferrol e A Coruña,e a carpintería de ribeira, a actividade artesanal de construción de embarcacións de madeira en Galicia, que forma parte do noso patrimonio marítimo e cultural e que conta cun alto valor ecolóxico. Achega na proposta ideas innovadoras como o Trinaval (un xogo de trivial especializado) ou o diálogo entre a terminoloxía tradicional e a da modernidade no referido á construción de barcos.

Na categoría de ideas para a promoción do galego resultaron galardoadas dúas propostas ex-aequo, cuxos autores repartirán os 1500 euros con que estaba premiada esta modalidade. «O poder das palabras», de Alejandro Gradaílle, propón unha acción de sensibilización cara ao galego baseada na colocación en lugares frecuentados e ben visibles dos campus universitarios de lemas que estimulen a afectividade cara á nosa lingua.

Pola súa banda, un equipo formado polas comisións de normalización lingüística de todo os centros do Campus de Lugo (ADE, Ciencias, Humanidades, Veterinaria, Escola Politécnica, Escola de Formación do Profesorado) presentou «Proxéctate en galego», unha iniciativa para estimular que o galego sexa a lingua de inicio da vida profesional dos nosos titulados e tituladas, para o cal propoñen crear un espazo virtual na USC que, por unha banda, axunte e ordene os recursos e ferramentas dispoñibles, e por outra, presente exemplos de traxectorias profesionais diversas na nosa lingua. Este espazo virtual hase completar coas xornadas «Foro USC» que se celebrarán no Campus de Lugo no vindeiro trimestre, organizadas polos seis centros.

O xurado do premio, reunido o pasado 21 de novembro, tivo que decidir cales eran os traballos gañadores entre propostas presentadas aos VIII Premio «Luísa Villalta», que convocan as tres universidades galegas, a través dos seus servizos de normalización lingüística, e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Martes, 29 de novembro de 2011