Novas recentes

Curso de verán «Témoslle lei: O galego no Dereito»

Os días 12, 13 e 14 de setembro o Salón de Graos da Facultade de Dereito da USC acollerá o curso de verán «Témoslle lei: O galego no Dereito», unha das actividades programadas dentro da campaña de normalización do centro «Témoslle Lei». A temática do curso, dirixido pola profesora Alba Nogueira, abrangue os dereitos lingüísticos e o seu abeiramento na lexislación e na práctica xurídica no noso país, o papel dos poderes públicos á hora de fomentar e protexer o idioma, a práctica da cooficialidade lingüística así como diferentes experiencias de regulación dos dereitos lingüísticos noutros territorios.

Intervirán no curso persoeiros de referencia dentro do mundo xurídico de Galicia e do Estado. Así, o actual ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, encetará o desenvolvemento destas xornadas, nas que tamén participarán o maxistrado do Tribunal Supremo, Luciano Varela, o maxistrado galego, Luís Villares; o decano do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, Evaristo Nogueira; o conselleiro do Consello de Contas Antonio López; o catedrático de Dereito Administrativo na Euskal Herriko Unibertsitatea, Iñigo Urrutia Libarona; ou a profesora de Dereito Administrativo da USC, Alba Nogueira, entre moitos outros.

Con este curso preténdese fornecerlles contidos relativos á lexislación lingüística e aos dereitos lingüísticos ao alumnado da Facultade de Dereito, malia que tamén se dirixe a todas aquelas persoas interesadas en coñeceren o alcance dos dereitos lingüísticos e as obrigas dos poderes públicos en relación coa normalización lingüística e, moi especialmente, a estudantes e profesionais do dereito e das políticas lingüísticas, así como a membros de colectivos e asociacións vinculadas á normalización lingüística.

Matrícula e recoñecemento

A matrícula das xornadas farase a través da web de Cursos de verán da USC ou presencialmente nas secretarías de cursos de verán de Compostela e Lugo. O prazo de inscrición para estas xornadas, de 70 euros en xeral e 40 euros para estudantes de calquera universidade ou curso de formación profesional, desempregados, PDI e PAS da USC, rematará o 2 de setembro.

Os asistentes terán dereito a un diploma acreditativo de asistencia por 25 horas. Aos estudantes da USC que marquen o cadro correspondente ao formalizaren a matrícula recoñeceráselles:

  • 1 crédito de libre configuración, se son estudantes de diplomaturas, licenciaturas, enxeñarías
  • 2 créditos para estudantes das titulacións de grao

Para obter a cualificación de apto/a e recibir tanto o diploma como os créditos, cómpre asistir regularmente cando menos ao 80% das horas lectivas do curso.

MIGUEL RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ

Martes, 31 de maio de 2011