Novas recentes

Obradoiros PDI: Unidades didácticas e linguaxe xurídica

Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica galega I

Os titulados en Dereito deben coñecer a súa linguaxe de especialidade tanto en castelán como en galego para poderen satisfacer no seu futuro profesional os obxectivos recollidos na lexislación da normalización da lingua galega nos eidos da administración e da xustiza e do respecto ao dereito lingüístico dos cidadáns e cidadás. Nesa formación o papel do profesorado devén chave.

O «Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica galega», inserido en «Témoslle lei», o plan de normalización da Facultade de Dereito, pretende mellorar a formación específica dos docentes verbo do tecnolecto xurídico en galego. Isto supón revisar cuestións gramaticais, léxicas e terminolóxicas específicas así como as convencións documentais estilísticas necesarias para a modernización e racionalización da documentación xurídica.

O curso está incluído dentro do Programa de Formación e Innovación Docente e computa 30 horas de formación (das cales 20 son presenciais) e para o Diploma de Docencia Universitaria. Cómpre lembrar que a acreditación de novas competencias na comunicación oral ou escrita das linguas de aplicación na docencia se recoñecen como mérito dentro do programa Docentia. A matrícula está aberta ata o día 3 de xuño no web do Programa de Formación e Innovación Docente.

Obradoiro de elaboración de unidades didácticas

A sexta edición do «Obradoiro de elaboración de unidades didácticas» desenvolverase na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, co obxectivo de promover a elaboración e utilización de unidades didácticas de calidade como instrumento docente na USC, así como facilitar o uso da lingua galega nestes materiais.

O curso inclúe contidos pedagóxicos, lingüísticos, lexislativos e de edición a cargo de especialistas da USC, que logo deben poñer en práctica os asistentes, elaborando as súas propias unidades didácticas sobre un tema que forme parte da súa actividade docente e utilizando un modelo que se lles proporciona no curso, con titorización por parte do profesorado do obradoiro. A súa publicación posterior ha permitir incrementar a colección de unidades didácticas da USC, que vai xa polos 60 títulos de todas as áreas científicas.

O curso está incluído dentro do Programa de Formación e Innovación Docente e computa 30 horas de formación docente e para o Diploma de Docencia Universitaria. Ademais, cómpre lembrar que a utilización e publicación de materiais didácticos así como o uso da lingua galega na docencia se recoñecen como mérito dentro do programa Docentia.

A matrícula está aberta ata o día 1 de xuño a través do web do Programa de Formación e Innovación Docente.
 

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Martes, 31 de maio de 2011