Novas recentes

As tecnoloxías na nosa lingua

O data do 17 de maio combina no noso país a tradición e a modernidade. Tradición por ser o día no que se celebra a existencia dun idioma de noso, o galego. Modernidade por ser, en Galicia e no resto do mundo, o día internacional da Internet. Dous elementos, a nosa lingua e a rede, que aínda non sendo coetáneos na súa orixe, están sabendo adaptarse o un ao outro dando lugar a un interesante binomio.

Precisamente este foi o tema central das xornadas que o pasado 19 de maio organizou a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia baixo o título «Letras Galegas e Internet» no Centro Multimedia de Galicia, coa colaboración da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Secretaría Xeral de Medios. O obxectivo? Difundir entre a sociedade os novos recursos lingüísticos dispoñibles a través da Rede e dar a coñecer como as aplicacións informáticas están ao servizo da lingua (como o bUSCatermos, correctores ortográficos, aplicacións para a aprendizaxe de galego en liña, etc.) e como o propio galego se está a adaptar ás novas tecnoloxías vencelladas con Internet e a comunicación electrónica.

Así, no software libre ou software de código aberto, o galego está a acadar unha grande implantación e un posto referencial no que á localización e tradución se refire. Antón Méixome, tradutor do Proxecto Trasno, e Cristina Gomis explicaron grosso modo o funcionamento do modelo de software aberto e as claves do mesmo: a localización, entendida non como unha tradución literal senón como unha adaptación á realidade lingüística e cultural do territorio, e o traballo cooperativo e coordinado de moita xente dedicada á localización de todo tipo de aplicacións. Tamén houbo espazo para salientar os avances dados pola nosa lingua no software privativo nos últimos anos, en que se pasou, por exemplo, de non ter ningún tipo de presenza en produtos como Windows 95, que si presentaban versión en euskera e catalán, a ser idioma de opción en Windows XP e Windows Vista, así como nos paquetes ofimáticos de Office.

Outro dos ámbitos tratados foi a telefonía móbil. O móbil, compañeiro indispensable hoxe en día na vida de todos e todas, amplían as súas portas á nosa lingua grazas a campañas como «O teu móbil en galego», resultado do convenio establecido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística con fabricantes e operadores de telefonía móbil.

No ámbito das publicacións electrónicas presentáronse os novos títulos de libros electrónicos dispoñibles en galego no mercado. A encargada de abordar o tema, Ánxela Chillón, resaltou a importancia deste novo sector no que xa invisten o 50% das editoriais da Asociación Galega de Editores. Ánxela Chillón resaltou a aposta non só pola dixitalización dos clásicos senón tamén polo libro electrónico para cativos, permitindo a posibilidade de interactuar co usuario e explorar novas potencialidades.

O colofón ás xornadas púxoo Camilo Regueiro, da Asociación PuntoGal, que traballa por un conseguir un dominio propio para a nosa lingua e cultura na Rede. A iniciativa conta co apoio de máis de 12.000 persoas e 108 asociacións, pretende así favorecer os contidos de Internet en galego, que actúe como casa común da nosa lingua e do conxunto de galegos e galegas, residentes en Galicia ou no estranxeiro.

MIGUEL RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ

Martes, 31 de maio de 2011