Novas recentes

Novo servizo de asesoramento de presentacións dixitais

É realmente extraordinario hoxe en día asistir, por exemplo, a unha conferencia nun congreso e que o interveniente non utilice diapositivas de apoio, unha presentación. Tamén moitos docentes as utilizan nas súas aulas. Por desgraza este recurso comunicativo acaba por se converter, en moitos casos, nun suplicio para o relator e nun castigo para o seu auditorio. Demasiadas veces bos conferenciantes transfórmanse en mediocres por non saberen manexar este recurso comunicativo. Segundo un estudo publicado nos EUA, a maior parte do público acaba irritada cando asiste a un relatorio en que se utilizan materiais tipo powerpoint. Preguntóuselle á xente que era o que máis lle amolaba cando asistía a unha conferencia que se desenvolvía con esta ferramenta. O 67,5% declaraba que o que máis lle molestaba era que a persoa que relataba o discurso lera as diapositivas; a porcentaxe restante manifestaba que se anoxaba especialmente coa letra pequena de máis. A este particular irritómetro poderiamos engadir algunhas cousas máis: efectos aparatosos de aparición de imaxes, sons vulgares, imaxes de mala calidade, táboas con demasiados datos, etc. O que lle agrada ao auditorio é, pola contra, letras ben lexibles, bos gráficos e que lle conten unha historia, é dicir, que o que se lle di posúa unha estrutura clara e recoñecible.

Pero pensemos agora en quen crea. Cantas horas bota diante dun programa que non domina! Escolle entre ducias de letras cal é a mellor; cámbialle de cor varias veces e despois dedícalle tempo en axustar o tamaño. Como sabe que as diapositivas deben levar imaxes, escolle algunha que decore unha composición que muda unha e outra vez. Tanto esforzo para que ao final acabe, moitas veces, empeorando o seu discurso e malogrando o proceso comunicativo.

Non obstante, non temos dúbidas de que os programas para facer presentacións (Impress, Powerpoint ou Keynote) son moi útiles. Permiten ensinarlle a un auditorio as cousas tal e como son (por que explicar con unicamente con palabras como é a Capela Sixtina se a podemos mostrar?); permiten atraer un auditorio ao redor dunha idea ou dunha causa ensinando os efectos, por exemplo, dunha crise humanitaria e ademais fai máis accesible o discurso para a xente, sobre todo a nova, acostumada a utilizar recursos audiovisuais. Pero para que estes programas sexan útiles hai que sabelos utilizar.

O Servizo de Normalización Lingüística da USC ofrece unha serie de recursos que pretenden axudar ao conxunto da comunidade universitaria na creación deste tipo de textos e que están dispoñibles no seu web. Seleccionáronse as ideas fundamentais e creáronse os recursos necesarios para a realización de presentacións modernas, comunicativas e de calidade.

  • Principios básicos: Establécense os fundamentos básicos para a creación de presentacións de calidade, e que inciden sobre a planificación, o deseño e a redacción destes novos textos. Ademais, preséntanse aspectos sobre a posta en escena, é dicir, que facer diante do auditorio con estas ferramentas, e tamén sobre o coidado dos detalles de última hora, a prevención dos problemas cos que se poden enfrontar unha persoa e a súa solución.
  • Modelos: Ofrécese un patrón creado por nós para a USC no programa powerpoint 2007 e 2010 (con cinco variantes de cores). Utilizalo permite, por un lado, automatizar o proceso de creación de diapositivas e, polo outro, ter un resultado estético e comunicacional adecuado para unha institución universitaria e axeitado para a transmisión técnica e científica.
  • Servizo de asesoramento de presentacións: Preténdese axudar os membros da comunidade universitaria na creación de diapositivas correctas lingüisticamente e, sobre todo, desde o punto de vista comunicativo.

E se estas pílulas non son abondas ou espertan a curiosidade por saber máis, o SNL ofrece os «Obradoiros de presentacións dixitais eficientes: Como utilizarmos as presentacións para comunicarmos mellor», de 30 horas, dentro do Programa de Formación e Innovación Docente.

MANUEL BERMÚDEZ BLANCO

Venres, 29 de abril de 2011