Novas recentes

Os idiomas nas teses e outros traballos de investigación en 2010

«Proliferación de linfocitos T humanos en relación coa expresión e localización de CD45RO*» non foi a única tese de doutoramento en galego na nosa Universidade: en 2009 elaboráronse 29,5. En concreto, 26 destes traballos redactáronse unicamente en galego, e outros 7 incorporárono ben como lingua principal (1 tese) ou ben como lingua secundaria (6 teses). Cómpre aclarar que, nos casos en que o traballo se elabora en dous idiomas, cada un deles contabiliza como 0,5.

O abano de departamentos onde se presentan teses en galego é amplo, e abrangue dende Filoloxía Galega ata Enxeñaría Agroforestal, pasando por Bioquímica e Bioloxía Molecular, Xeografía, Políticas, Psiquiatría ou Economía Aplicada.

Porén, o dato máis salientable é que o castelán segue sendo a lingua predominante nos traballos con que se lles pon o ramo aos estudos de doutoramento: das 214 teses lidas en 2010, 137 realizáronse neste idioma (o 64,01%). Ao seu lado, a utilización doutras linguas como o galego (13,78%), o portugués (7,24%), o inglés (15,95%) e outros (0,2%), resulta moito máis discreta. O inglés adscríbese a teses presentadas en departamentos de ciencias da saúde e ciencias puras.

linguas_teses

Se estudamos a evolución do uso dos idiomas dende o ano en que comezou o programa de axudas ao emprego do galego nos traballos de investigación iniciais, 1994, percíbese unha pequena progresiva diminución do uso do castelán a prol da utilización do galego, do portugués e doutras linguas, nomeadamente o inglés. Cómpre salientar que deste último idioma só temos datos desagregados dende 2009.

Gráfico nº 3: Evolución do uso das linguas nas teses

A utilización da lingua galega nestes traballos, do cal temos datos dende 1990, malia que con pequenos picos, semella ben asentada e medra paseniñamente: na década dos 90 a media de uso foi do 7,06% e na primeira década deste milenio, do 11,57%. Máis importante aínda é que o cruzamento de datos de solicitantes de axudas á realización de teses de doutoramento en galego dende 1994 e de utilización da nosa lingua na docencia por parte destes mesmos profesores e profesoras, revela un grao de fidelización moi elevado ao uso do galego.

Gráfico nº 2: Evolución do uso do galego nas teses

Malia os doutorandos e doutorandas contaren con axudas que incentivan o uso do galego por parte da USC, o certo é que non deben resultar moi coñecidas: só 11 das teses defendidas na nosa lingua en 2010 solicitaron as subvencións de ata 400 euros ou o correspondente asesoramento lingüístico e terminolóxico.

O mesmo cabe dicir dos incentivos a outros traballos de investigación a que poden optar os autores e autoras que os redacten en galego (traballos de fin de mestrado, traballos de investigación tutelados e memorias de licenciatura). Malia non dispormos de datos referidos ao uso dos idiomas neles, semella que o número de axudas solicitadas por redactalos en galego é demasiado baixo en relación aos totais presentados:

  • De 771 traballos de fin de mestrado, 9 axudas solicitas
  • De 50 memorias de licenciatura, 4 axudas solicitadas
  • De  555 TIT, 12 axudas solicitadas

 

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Venres, 01 de abril de 2011