Novas recentes

Videomatón na Universidade

Os futuros comunicadores e comunicadoras que agora estudan na Facultade de Ciencias da Comunicación serán nuns anos as persoas encargadas de informar a sociedade do que está a acontecer no país e no mundo. Ten sentido, logo, que fose a Comisión de Normalización Lingüística desta facultade, logo da proposta dos membros da Liga Estudantil Galega, a encargada de impulsar un interesante proxecto audiovisual que servirá para retratar a situación do galego entre os universitarios e universitarias e para coñecer as perspectivas de futuro que teñen verbo da nosa lingua.

Seguindo certa similitudes co formato empregado no portal Eufalo.tv, o proxecto consistirá  en tres videomatóns, realizados cunha cámara e un equipo de catro persoas, que se situarán en diferentes puntos dos Campus de Compostela e Lugo; neles os universitarios/as poderán falar perante a cámara e opinaren sobre como conciben o noso idioma. No Campus compostelán situarase cadanseu videomatón na Facultade de Comunicación (Campus Norte) e na Biblioteca Concepción Arenal (Campus Sur). No Campus de Lugo o videomatón establecerase na Biblioteca Intercentros:

  • 5 de abril. 10:00-14:00. Campus Norte. Facultade de Ciencias da Comunicación
  • 8 de abril. 10:00-14:00. Campus Sur. Biblioteca Concepción Arenal
  • 11 de abril. 10:00-14:00. Campus de Lugo. Biblioteca Intercentros

Participación aberta

A participación neste proxecto será, por suposto, aberta. Todos os membros da comunidade universitaria, docentes, alumnos ou membros do PAS, poderán achegar as súas impresións e opinións ante as cámaras que se habilitarán nos tres ditos puntos da USC.

Os traballos de gravación, por outra banda, estarán abertos á colaboración do estudantes da Facultade de Ciencias da Comunicación, que poderán mostrar as súas habilidades creativas detrás da cámara e no momento da edición para un proxecto audiovisual que ten vontade de saír das paredes de Ciencias da Comunicación e ser distribuído pola rede e por outras Comisións de Normalización da Universidade.

O proxecto final será presentado o 25 de maio na Facultade de Comunicación da USC.

 

MIGUEL RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ

Xoves, 31 de marzo de 2011