Novas recentes

Un verán en Galicia

O fin primordial destos 24º Cursos de verán de lingua e culturas galegas para persoas estranxeiras é darlle ao alumnado a oportunidade de familiarizarse coa lingua galega e coa realidade sociocultural de Galiza. Ademais das clases teóricas e prácticas de lingua, están programadas actividades sobre literatura, historia, xeografía, arte, etc., de Galiza, así como excursións e visitas a lugares de principal interese cultural e paisaxístico.

A convocatoria consta de distintos niveis:

  • Un nivel elemental, de iniciación á lingua para quen desexe introducirse no seu coñecemento. O alumnado deste nivel distribuirase en dousgrupos segundo o grao de comprensión da lingua, previa a realización dunha proba.
  • Un nivel medio, destinado a quen xa realizou o curso elemental ou que posúa un coñecemento básico do idioma, previa realización dunha proba.
  • Un curso superior de Filoloxía Galega para quen cursou o nivel medio ou acredite un bo dominio do galego.


A organización dos Cursos dispón de varias bolsas, por importe de 450 euros cada unha, cantidade que se considera suficiente para a estancia en Santiago durante o período de duración do curso. Os bolseiros e bolseiras estarán ademais exentos do pagamento da matrícula.

Pódense inscribir todas as persoas que o desexen. Unicamente se esixe ter cumpridos 18 anos e que a ficha de inscrición e a documentación
requirida no caso de petición de bolsa estea na Secretaría dos Cursos antes do 1 de maio de 2011. Os cursos terán lugar entre o 4 e o 29 de
xullo de 2011.

Información completa e tarxeta de inscrición no web do Instituto da Lingua Galega.

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Xoves, 31 de marzo de 2011