Novas recentes

«Se os galegos lle queren ao galego, pode superar todas as barreiras que se lle poñan.»

Anik Nandi chegou a Galicia hai dous anos procedente da India. Nada máis asentarse na nosa terra xa se esforzou en mudar o seu bengalí polo galego e en coñecer a nosa historia e a nosa cultura. Di que coñecer un pobo sen coñecer a súa lingua é como coñecer unha persoa sen coñecer a súa alma. Colaborador do ILG e estudante de doutoramento do Departamento de Filoloxía Hispánica, Anik fálanos nesta entrevista da realidade lingüística da India, das súas semellanzas co Estado español e das súas impresións sobre Galicia e o galego.


O día 21 de febreiro celébrase en todo o mundo o Día da lingua materna. Cal é a túa?
A historia do 21 de febreiro é interesante. Eu son falante de bengalí. Precisamente o día 21 de febreiro conmemórase a loita de Bangladesh contra Paquistán pola defensa da súa identidade cultural, xa que antes Bangladesh chamábase Paquistán Oriental. Os bengalís de Bangladesh e os da India falamos o mesmo idioma e temos boa relación. O noso é o sexto idioma do mundo, fálano 280 millóns de persoas. É unha lingua bastante potente.

Na India fálase preto de 3. 372 linguas, entre elas o hindi, que é a lingua oficial de todo o Estado, e o inglés. Como se organiza toda esta variedade lingüística?
A realidade lingüística da India é complexa. Segundo o censo de 1991 temos 3.372 linguas maternas, das cales 1.572 están rexistradas e as restantes 1.796 están agrupadas como «outras linguas». Con todo, o censo de 2001 reduciu todas estas linguas maternas a 122, que se clasifican en dous grupos: o das 22 linguas oficiais e o das 100 linguas non oficiais. De todos os xeitos existe unha xerarquía entre elas. En primeiro lugar sitúanse o hindi, a lingua oficial a nivel federal, e o inglés, a lingua asociada do estado. Aínda que o inglés é oficialmente unha lingua minoritaria polo seu número de falantes, inclúese aquí polo estatus e o valor económico que posúe a nivel nacional e internacional. Non hai que esquecer que a India foi colonia inglesa durante moito tempo.
Nun segundo plano aparecen as 21 linguas cooficiais dos diferentes estados, como o bengalí en Bengala Occidental. A continuación veñen as linguas e dialectos non recoñecidos no capítulo oitavo da Constitución: os 65 dialectos recoñecidos das linguas cooficiais; despois as 100 linguas minoritarias e os seus 149 dialectos. Finalmente, veñen as linguas que teñen menos de dez mil falantes, que se clasifican como linguas non recoñecidas, xa que o censo do goberno da India só conta as linguas que teñen máis de dez mil falantes. A realidade lingüística é complexa e a súa regulación tamén o é.

Hai semellanzas na situación lingüística da India e do Estado español?
Si, España é unha pequena India. No Estado español a variedade lingüística salta á vista en Galicia e Cataluña, por exemplo, pero tamén a podemos ver dentro da propia Galicia ou Cataluña. Hai pouco un estudo de sociolingüística en Cataluña desvelou que en Barcelona se falan preto de 300 idiomas. Ademais a Constitución de 1978 tamén recoñece, como na India, o plurilingüismo a nivel estatal. Hai un certo paralelismo.

Na India valórase a pluralidade lingüística como algo enriquecedor ou máis ben hai un afán uniformizador?
Considérase algo enriquecedor. O modelo lingüístico trilingüe na educación, que leva vixente dende os últimos 30 anos, en principio ten en mente preservar o multilingüismo, aínda que está demostrando non funcionar moi ben. O problema deste modelo de trilingüismo é que se nun dos estados da India se fala cinco idiomas, os nenos cando chegan á escola o que atopan é a lingua oficial do estado, pero non a súa lingua nai. Entón pasan 3 ou 4 anos intentando entendela para logo estudala. Aí temos que facer un cambio total na política lingüística na educación.

Cal é o modelo lingüístico das universidades hindús?

Polo xeral todos os traballos fanse en inglés, a non ser que traballes especificamente nunha lingua. Se estudas sobre bengalí, tes que empregar o bengalí por cuestións de lóxica. Pero podemos dicir que o inglés é a lingua principal no ámbito universitario.

Desde hai dous anos resides en Galicia. Traballas nun grupo de investigación e fas a túa tese sobre...

A tese é unha análise de sociolingüística comparada. O meu traballo basicamente consiste en analizar a situación dos neofalantes no caso das linguas minoritarias da India. Para isto apóiome precisamente no caso do galego como un exemplo interesante á hora de analizar este fenómeno dos neofalantes.
 
No mundo académico da India tense coñecemento da lingua galega? Que imaxe ten?
Desgraciadamente, non. Eu son o primeiro que escribiu un artigo nunha universidade de Nova Delhi sobre o galego. Ese mesmo ano outra persoa doutra universidade india escribiu outro artigo referido ao galego pero máis orientado á súa relación co portugués. O meu foi máis sociolingüístico. O meu artigo foi o primeiro paso para dar a coñecer o galego na India.

Viñeches expresamente a descubrir o galego ou foi o galego quen te descubriu a ti? Como foi o teu primeiro contacto coa lingua galega?
Eu só sabía o nome do idioma de Galicia. No centro no que comecei a aprender español tardei seis meses en saber que había máis linguas no estado. De todos os xeitos, cando vin só sabía que España era un estado plurilingüe, que había varias linguas e que unha delas denominaba a zona noroeste e marcaba a súa identidade.

Sorprendeute a situación do galego?
Sorprendeume bastante. Entrei en contacto con Galicia e a súa cultura en Ourense, que foi a cidade onde vivín nun comezo. Aínda que nas aldeas do redor se empregaba moito o galego, na cidade case todo o mundo falaba castelán, non tanto os máis maiores. Sorprendeume ver como moita xente nova ten prexuízos cara á súa lingua. É difícil de entender para alguén coma min que vén de Bengala, onde todos falamos bengalí precisamente por ser o noso idioma.

Para que lle serve o galego a alguén da India?
Eu teño a teoría de que as linguas non teñen que servir. Se meus pais non serven, eu non os vou deixar. A lingua haina que amar e non se pode deixar. Eu estou estudando a túa cultura e non vou poder estudala se non aprendo tamén o voso idioma. Sen galego non se pode estudar sobre Galicia.

Como sociolingüista, como valoras a situación do galego?
É unha lingua con moito futuro e moita historia. É unha cuestión de actitude que medre e eu sempre penso que ten moito futuro. Está medrando economicamente, cada vez a estuda máis xente, incluso moitos que somos de fóra. Se os galegos lle queren ao galego, pode superar todas as barreiras que se lle poñan.

MIGUEL RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ

Luns, 28 de febreiro de 2011